—O ser-do-ente!

parmigianino_en_kettle

Blogue do Ente Heterolóxico Plurívoco-Digresivo Lándoas (Artemio Lándoas, Inone Depretto, Ewa Włoch, Grupete TeoCom O’ Burgo, Sociedade Onirocrítica Cotovías-en-Melinde, Miña Capitana, Colectivo Sicalíptico Onde van os do Colectivo, que hoxe me ferve o sangue?, Dora Muriel, Camerata Cúbica Cós, Filólogos pola Semiose, Wales Vanderlaken, Unión Internacional de Insistentes Sociais Simeón Estilita, a Maragata Errante, Arturo Casas, Facción Misántropa ‘In Eremo Nos’, Zoot Drummer, Felicia Soutelo , Clúster Corporativo ‘Fóra as Vosas Relativamente Suxas Mans do Campo Cultural’, Liga-Xardín Brigantina Dona Águeda, Sistémicos Arrepentidos, Elementos Emerxentes Bloqueados  et al.), membro do Círculo Semiótico de Vite, adlátere segundo da Placa Tectónica Ártabra, crítico inmisericorde, socio número 35 do Sporting Ciudad.

A foto, que alguén postitulou “Parmigianino en kettle”, é un autorretrato da presenza-ausencia de WV nunha cociña escocesa no intre exacto de queimar unha man na vitro-cerámica, adivíñese cal (o ser-doente, maio 2005, Crail). O resto dos membros do Ente amoréanse detrás, en dirección a St Monans.

Os intereses son os mesmos da etapa anterior no blogue chamado Lándoa, abandonado en medio do océano o 18 de maio de 2009: comentar textos e marxes-de-textos, lembrar álxebras e topoloxías, ler poesía, promover a análise da cultura e as lecturas políticas das prácticas culturais, autoexplorar o corpo (social, crítico, académico, físico, simbólico…) até alcanzar —se preciso for e non doese moito— a autopsia clínica, botar unha man na tarefa de habilitarmos unha crítica da destrución política, abeirarse ao bestiario de si (á besta metamórfica que somos), rir(des) algo no espello e, certamente moi en particular, baixar fumes mediante algúns dos métodos da vella arte retórica.

Para comunicación directa co E.H.P.-D. Lándoas ou para exercitar unha crítica non pública da estética abrazada, ou para recomendacións diversas, convocatorias, avisos, activismo, pasividades, adoración nocturna, banquetes, doazón de fortuna persoal, etc., diríxase directamente a Wales Vanderlaken (vanderlaken@gmail.com). El(a) xa avisa aos demais.