A realidade explicada a nenas e nenos

Pasou algo de tempo desde o 1 de marzo. Abondo para formular de modo sumario —dentro das limitacións de quen asina— unha análise directa do acontecido fundamentada en datos e por suposto tamén en percepcións e valoracións persoais, como é natural discutíbeis:

1. O reparto de votos entre o que convencionalmente denominamos esquerda e dereita resulta ser a día de hoxe en Galiza 1:1.

2. Este equilibrio case exacto nas opcións, que ronda os 800.000 votos para cada un deses dous supostos sectores ideolóxicos (non hai tal en realidade, por diferentes causas), presupón que os momentos inmediatos á celebración das eleccións son absolutamente decisivos.

3. De toda a vida, isto sábeo moito mellor a dereita que a esquerda. Sábeo e aplícao. Sábeo e aplícao até as 19:59 horas da xornada electoral mediante todos os procedementos que a lei permite e mediante moitos outros que repugnan á ética democrática aínda que a lei non os penalice de xeito explícito.

4. A dereita domina mellor os tempos políticos e mediáticos que a esquerda. Proba irrefutábel, con implicacións que teñen que ver co punto segundo, foron dous factores recentes: a resolución do controvertido reparto eólico a tres meses das eleccións (unha de dúas: prepotencia obtusa ou temeridade cega nas condicións nas que se fixo, con responsabilidade compartida dos dous socios de goberno) e a aparición simultánea dun novo xornal a comezos de decembro, algo que coa traxectoria tan curta até o 1M era moi evidente que só podía causar problemas, nunca render beneficios, a xestores e promotores directos ou indirectos pola previsíbel animadversión dos outros medios cos que ese xornal pasaba a competir, sobre todo do máis forte, La Voz de Galicia.

5. A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante. Baltar é un exemplo magnífico do que se apunta. A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Ten incluso algo do espírito do seminarista: considera que se non se pecou o mellor é rumiar en soidade as acusacións que caian, porque o pobo é sabio e non sei cantas outras necidades que Gramsci desmontou sobradamente. Ademais, o socialismo galego nunca soubo promover a figura do segundo malencarado, do defensa central á vella usanza. Esa voz que reparte leña sen excesivas contemplacións, pero que logo asume con disciplina, simulación de acatamento e docilidade de aceno as matizacións que lle faga, entre o desleixo e a reconvención, o número 1. Sobre iso, o PSdeG , ignórao todo. E non será por falta de exemplos dos que beber.

6. A dereita, na súa inmemorial connivencia cos poderes fácticos, non experimenta pudor de ningunha clase no recurso ás mañas extrademocráticas con tal de alcanzar o poder. A dereita, alén diso, sabe poñer en práctica o que con todas as precaucións polo uso figurado da etiqueta, reclamada desde as vellas prácticas trotskistas, chamaremos entrismo. Así, numerosos conformadores de opinión habitualmente considerados de centro-esquerda ou dunha esquerda ornamental serven en realidade estratexias conservadoras. Ás veces non o saben eles mesmos, porque en xeral se fala aquí de individuos de tallaxe intelectual no rango S – M. Pero a maioría das veces si que o saben. Sábeno eles e sábeno as súas nóminas, igualmente entristas.

7. O entrismo, como é natural, non se deu só na esfera mediática no noso país. O caso de Francisco Vázquez (conservador, católico, local-nacionalista, muñidor do máis feroz antigaleguismo coruñés, militante impenitente da medra patrimonial) é paradigmático do que quero indicar: un individuo que pasa por republicano e socialista, guerrista en tempos!, e que impuxo con éxito esa ominosa mascarada a varias xeracións de cidadáns e de compañeiros de partido, deixando ademais unha pegada ideolóxica e imagolóxica brutal no coruñesismo menos democrático.

8. A dereita convive sen problemas coa frivolización da vida pública. Sabe facelo. Ten ese habitus, polo que non precisa esforzo ningún (véxase o escándalo Carrera Pásaro, véxase o sostenuto Baltar, os excesos, o vaivén verbal-caciquil). A esquerda non o ten, carece dese habitus. Cando quere frivolizar cae no ridículo e faino con consciencia de estar a remedar o que non lle corresponde. Quintana debe de estar pensando arreo sobre isto.

9. Estas eleccións gañounas La Voz de Galicia. A súa foi a única intervención decisiva en todo o proceso electoral. Fíxoo en boa medida (pero non só) á luz pública, xustamente polo indicado no punto anterior. A dereita non precisa esconder a maquinaria de guerra, a frivolidade, a instalación no límite exacto da ilegalidade e varios metros alén do que deberían ser as normas éticas e políticas dunha democracia merecedora de tal nome. O feito de que o editor Santiago Rey mantivese na páxina de acceso de LVG en Internet o escrito “Yo protesto” durante a totalidade da campaña electoral, xusto até a xornada de reflexión, cando foi retirado, é dunha gravidade extraordinaria e non debe valorarse só pola incidencia directa que puido ter nos lectores ocasionais. Foi ante todo un xesto fático e performativo: estou aquí, permanecemos aquí e ides ver o que pasa por facerdes o que fixestes. Iso cara a fóra, con fachenda e, insisto, no gume da inmoralidade e do que pode ser admisíbel na intromisión política dos medios como manipuladores da realidade. Cara a dentro, esa exposición permanente do escrito —intelectual e politicamente ruín— significou unha chamada á orde dos empregados da empresa, en todas as súas divisións. E tamén un aviso (mental, político, laboral). Esas divisións do medio mencionado son a día de hoxe cómplices na desactivación dun cambio histórico que era imprescindíbel para Galiza como proxecto nacional. Creo que somos moitos os que nunca o esqueceremos. E, en contra do dito por Barreiro Rivas, isto non foi algo menor, isto non forma parte da atribución de funcións que as institucións e os axentes públicos teñen dereito a exercer ou a poñer en práctica cando o consideran oportuno. En absoluto é iso o que fixo LVG. O que fixo LVG foi, con total claridade, outra cousa.

10. Isto último que se describe, sabido por quen pensou e acaso secuencializou o proceso todo en colaboración directa cos responsábeis da empresa mencionada (infundios, fotografías manipuladas na súa localización temporal e na súa proxección social, selección de datas para cada golpe de efecto, etc.), foi un elemento máis de afortalamento da táctica de derruba do bipartito. Por iso mesmo resulta inverosímil que Francisco Vázquez permanecese alleo á partida.

11. A estratexia á que fago referencia podería estar encamiñada a algo moi concreto a medio prazo: garantir no noso país un abrocho novo, o de UPyD, o partido de Rosa Díez, Savater e algúns outros que contan como lexitimidade curricular principal a de estar ameazados polo terrorismo de ETA (léase o seu programa electoral se se desconfía do que sinalo). Non son moitos, pero son os suficientes como para lograr, por exemplo, que o discurso terxiversador da imposición do galego sobre o castelán (falsificación irreal da verdade contrastada por observadores e técnicos neutrais que, porén, alcanzou un rendemento social e electoral moi apreciábel) movese a cartografía electoral nese ángulo pequeno que era preciso facelo. Ou non tan pequeno ao final. Calculo que polo menos un 20% do electorado tradicional socialista da zona urbana atlántica (Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra) decidiu nesta ocasión negar o voto ao PSdeG.

12. A soberbia intelectual (?) e política de figuras como o conselleiro Méndez Romeu, e tamén nalgunha medida a da garda pretoriana do presidente Touriño, xunto coa insubstancialidade política e a baixada de brazos nos momentos máis tensos dun amplo sector do Goberno nomeado por aquel, converxeu irresponsabelmente co detallado no punto anterior. De modo que o conselleiro de Presidencia é a día de hoxe a faciana máis obvia do que significa a renuncia ao único xeito posíbel de desaloxar á dereita do poder en Galiza: converxer nalgunha forma co nacionalismo. Isto explica, como é lóxico na lóxica que ambos comparten, os parabéns que recibe por parte de analistas como Blanco Valdés. Reiteraraos, xa se verá, con precisa puntualidade, ás veces revestidos de advertencia. Porque do que se trata é de que desapareza das institucións o nacionalismo que el tilda de independentista á menor ocasión que se lle preste, criminalizando con vileza moral dous paxaros dun só tiro.

13. O papel de articulistas máis ou menos tocados coa marca de “editorialistas” en La Voz de Galicia foi igualmente eficaz para alcanzar os obxectivos trazados. Non falo tanto do que poidan representar os homes da casa, un Ventoso ou un Casal, ocasionalmente brillantes pero case sempre ecoicos, vacuos e tendentes á simpleza de análise e argumentación. Falo doutras sinaturas, falo dos que outorgan á causa de Rey o prestixio académico, a distinción, o fru-fru intelectual. Cumpriron o papel asignado Blanco Valdés, desde un discurso político absolutamente homologábel ao de UPyD, e Barreiro Rivas, nese seu zigzagueo cansino entre o vello espazo electoral dereitista-galeguista e a dependencia de esquemas de análise de xorne centralista e estatalista, pero á vez cunha probada eficacia retórico-homilética aprendida onde mellor se aprenden esas cousas. E digo asignado co dobre valor de auto-asignación e hetero-asignación. Desde logo, para min, as súas non son sinaturas libres. Descúlpenme se me equivoco, porque o asunto é groso. Pero a circunstancia histórica éo aínda máis.

14. Alén da gravidade histórica da manipulación exercida desde La Voz de Galicia neste proceso electoral, existen algúns aspectos que merecen unha atención especial: un é a súa constancia na xestión do cinismo social e político, que alcanza máxima expresión no mencionado manifesto do editor, cun correlato na rúa no papeliño de figurante adxudicado conxunturalmente a Galicia Bilingüe como úvula armada dun movemento destinado —sinalouno noutros termos Manuel Rivas— á extinción definitiva da cultura galega como realidade diferenciada e autónoma, non alienada e non subordinada, non rexionalizada e miniaturizada. Outro aspecto é o factor probatura-rodaxe: Santiago Rey acaba de constatar algo que xa el mesmo intuía, que desde a frivolización política, a instalación nun proto-berlusconismo populista e a soberbia de clase, pode argallarse na cousa pública e pode na práctica un (el) decidir quen presida o Goberno galego. É dicir, aprendeu a conxugar, a escala, os xogos de rol que outros donos de medios moi poderosos levan anos practicando en Madrid. Non entro agora na responsabilidade que o poder lexislativo, executivo e xudicial teñen en que iso se manteña así, en que se favoreza, ás veces entrando directamente na prevaricación, esa necia política en relación coa subvención aos medios. Por que temos que pagar como contribución á normalización lingüística un programa de actuación destinado en realidade a garantir a hexemonía da outra lingua e o mantemento dos seus privilexios? Non é iso prevaricación por parte de quen libra os fondos? Que nome lle poñemos aos receptores deses cartos?

15. Galicia Bilingüe era un bo nome, en termos publicitarios, para intervir contra o bipartito. Pero é unha pésima marca estando no Goberno o PP. En catro meses máximo, amortizados e disoltos.

16. Os risos máis altos na noite do 1M estou seguro de que se escoitaron en Roma. Co fracaso do bipartito —Touriño chegou a interiorizar o termo bi-gobernación na noite electoral— Vázquez riu de novo. Ecoan aínda eses risos na Piazza di Spagna. Volverá. En realidade, nunca se foi. Pero voltará a María Pita. Calquera expectativa de futuro de UPyD no Estado pasa polo nome de Vázquez. E iso sábeno moitos dos que moven os fíos da cousa pública para se, chegado o caso, Rajoy precisase axuda de infantería e intendencia. A que espera(ba) Vázquez? Desde logo, a isto. Pode que a algo máis, si. Calquera de nós sería quen agora mesmo de redactar o discurso que el fará público ese día, o da volta. Así de previsíbel me parece todo.

17. En relación co punto segundo mencionado no apartado 13, os medios —prensa, radio, TV (e agora vén máis TV)— tomarán nota das posibilidades enormes que teñen na súa man. O país semella aceptar a infantilización, a idiotización e a sedación. Hai unha entrega a esa tutela. E os medios con maior influencia, reitéroo, tomarán boa nota diso. Falta (díxose sempre) sociedade civil, esfera pública, debate. O fracaso neste punto podería parecer definitivo, pero non o é. A rede ten que asumir a responsabilidade que lle corresponde neste ámbito.

18. É imprescindíbel nos vindeiros meses unha demostración de forza. Non direi da esquerda. Direi dos demócratas. En parte, esas mobilizacións han vir pola cuestión da lingua e da educación. Ben está. E ben estaría tamén que algunhas institucións adormecidas levantasen de cando en vez se non a voz cando menos un dediño para pedir turno de palabra a ver se llelo conceden. Virán tamén as mobilizacións polo avance na destrución de emprego industrial e pola crise económica. E pode, en fin, que veñan de novo algún día polo que, tras o Prestige e a xestión que daquilo fixeron entre outros estes Feijóo e Rajoy, acordamos chamar dignidade. Pero eu animaría desde este humildísimo foro a que esa mobilización chegue ao día a día e teñamos moi claro quen serviu en bandexa esta victoria a un partido que ten como un dos seus obxectivos prioritarios desmontar a nosa dignidade como nación, domesticar a nosa dignidade cultural e social e pulverizar a nosa dignidade política.

19. As cuestións nominais para a remuda de dirixentes do PSdeG e BNG non saíron aquí. Non quero entrar nelas agora por simple preguiza e por non anoxar. Pero entendo necesario tratar aos derrotados, aos responsábeis maiores da derrota por seren eles dous quen dirixiron as respectivas forzas políticas e o propio Goberno, con tanto respecto persoal como distancia moral. A súa responsabilidade histórica é enorme, aínda tendo presente o dito aquí sobre a intervención decisiva dos medios e o non dito aquí sobre a guerra suxa non de superficie montada pola dereita, con tres variantes básicas, a viguesa, a ourensá e a coruñesa. Creo que Touriño e Quintana terán bastante con levar ese peso na súa conciencia política e civil. Ambos, é moi evidente, desaparecerán do mapa político en breve. Primeiro Touriño. Despois Quintana. Con esas desaparicións, en todo caso, non debera desaparecer o espírito de colaboración entre as forzas ditas de esquerda. Iso constitúe a única alternativa hoxe por hoxe á eternización no poder do PP. E ademais, deixando á marxe cuestións de convivencia persoal e abrochos esporádicos de momentos de tensión, estes tres anos e medio de goberno de coalición foron exemplares na traslación á sociedade de algo moi evidente: había entendemento e compromiso malia os proxectos seren bastante diverxentes.

20. Algo para rematar en relación con Feijóo. Á marxe de todo o que se vai ter que tragar este home en relación con asuntos de automoción e demais, sería magnífico que nos evitase a vergonza dunha nova toma de posesión con espectáculo público e escenificación do acceso ao poder. Hai tres anos e medio, cando aquel horror de Touriño e Quintana cos tempos medidos no Obradoiro, case como uns Pimpinela relativamente politizados, reflexionei sobre o difícil que resulta aprender, ser cauto, ser discreto nesta clase de momentos. Tamén reflexionei sobre a medida na que os socios de goberno acabarían intentando asimilar certos operativos do fraguismo. En fin, Sr. Presidente de case todos os galegos, tome posesión, agarre logo a feijooneta e traballe arreo sen facer ostentación de nada. Non xogue a ser Obama percorrendo avenidas en Washington nin a ser Fraga entre foles e bandullos. Se quere gaiteiros ou trombonistas ese día, métaos na zona de carga do monovolume ou da C15 de segunda man que estime adquirir e que os músicos lle amenicen a viaxe, pero en privado, por favor, e só entre o Hórreo e Monte Pío. Pase do Obradoiro, faga caso. A partir de aí, ollo! Vai haber moita xente no país que non permitirá un paso atrás en determinados logros históricos e democráticos. Palabra!

[Fragmento do mapa de Domingo Fontán, 1834]

34 ResponsesA realidade explicada a nenas e nenos to “”

  1. Un lector Says:

    Señor Lándoas: creo que este post debería difundirse entre todas as persoas que teñan unha mínima preocupación polo momento crucial para o futuro da lingua que estamos a vivir. Magnífica lucidez e claridade. Fico fondamente agradecido.

  2. SurOeste Says:

    E aplicándolle unha análise lacaniana?

    Quen ten o Falo aquí?

  3. arume dos piñeiros Says:

    Unha consideración e dúas pregunta. Por malmeter, máis ca nada.
    1. O PP tamén gañou na provincia de Pontevedra (non esquezamos como parece que se extende por aí): aquí a Voz ten menos predicamento. O Faro de Vigo fixo o seu dándolle voz (con perdón) aos de Galicia Bilingüe, polo menos durante bastante tempo, pero tamén o vin dando xabrón (a publicidade non engaña) ao PSOE e ao BNG. Radio Vigo, por exemplo, a radio hexemónica por estes pagos, só lle faltou contratar ao alcalde de locutor. Pense na debacle en Santiago: canto se le a Voz e canto El Correo Gallego?
    2. Que foi o que fixo gañar as eleccións no 2005 ao protobipartito, se a proporción seica era case a mesma? Alguen recorda que dicía a Voz (ventoso, casal, blanco, barreiro) naqueles tempos?

    Isto obviamente non quita un ápice de razón á súa reflexión sobre o exercicio permanente do poder fáctico do istmo.

    *Cántos len/lemos a Voz de Galicia via internet?

  4. Brétemas Says:

    Análise moi lúcida. Munición deste calibre é o que precisamos. Beizóns.

  5. Ana Bande Says:

    Co seu permiso, imprimo e colgo no meu taboeiro.

  6. Anonymous Says:

    Pobre e triste pobo mangoneado por dous xornais e tres telexornais, inepta multitude que vai votar aborregada polas tres últimas semanas de lexislatura. Necia cidadanía: un título para a súa novela

  7. folerpa Says:

    Parabéns, extraordinaria e fonda analise.Poño un enlace permanente no meu blogue.

  8. Danilo Says:

    Guau. Longo pero directo onde doe. Penso eu que non só foi cousa dos medios, que non debe valer como excusa sinxela. Ao neno do bipartido non lle negou a merenda o matón do patio. A metade perdeuna polo camiño. Parabéns pola análise. Moitos queremos máis.

  9. torredebabel Says:

    Aplausos.

  10. Xaime Says:

    Ainda que non concordo en algunha pasaxe, a súa análise refrexa un grande amor pola terra e polos indíxenas. Noraboa.
    Dúas fintas:
    Unha, dalle demasiado importancia a Rey e a Vázquez, pero xaora que podo estar errado, que o estarei,seguro.
    Outra, ten que demostrarme que o PSOE é de esquerdas, e que non cumpre un simple papel protocolario en Galicia de oposición leal sen que a Ferraz lle moleste estar na comparsa.
    Namentras non teñamos status de nación, so hai dúas beirarúas, a galeguista -ou chámelle como queira, xa sabe que un é dono dos seus actos- e a outra.
    Outras dúas lanzadas:
    Moito voto galeguista está no PP, e dicir, deste lado da rúa, e dende Coalición Galega, non hai quen o reclame.
    Do voto que lle fallou o BNG na provincia de Pontevedra, non están na abstención. Úlo está ese voto.

  11. Calidonia Says:

    Varios datos para acabar de perfilar esta disección magnífica da dimensión social do fracaso da esquerda (xa lle pedirei/pediremos chegado o momento a súa inestimábel análise sobre a dimensións organizativa, intrapartidaria):

    – Na cidade da Coruña o electorado actual do PSOE (non o de Vázquez senón o de hoxe) está perfectamente dividido (20-40-20) entre seren unha alternativa sin nacionalistas/indiferentes/con nacionalistas). Hoxe por hoxe o electorado do PSOE na Coruña pode ser tranquilamente equiparábel ao doutras cidades. Con FV, con efecto, sería outra cousa.

    – Todos-as lemos LVG por internet. E non só. Tamén La Opinión, ECG e outros tabloides.

    – Propóñolle unha porra sobre o que tarda Pedro Arias en pasar ao grupo mixto en ingresar en UPyD. Xogada completa.

  12. arume dos piñeiros Says:

    E non se lle ocorreu, amigo Lándoas, nomear a outro intelectual orgánico da Voz: Josemi Rodríguez Sieiro. Pasa de incógnito, pero ten a súa importancia: as súas comidas no Mosquito coa súa nai e a encantadora Corina Porro, cando esta sucedeu a aquel pailán de Lois Castrillo e deixou a olívica como los chorros del oro, foron lidas con entusiasmo por quen amoreou Baiona de adosados e tocados marbellís.

  13. bouzafria Says:

    Repito aos comentaristas: Aplausos pola magnífica disección

  14. Berenguela Says:

    Desexaría eu que da Facultade de Ciencias da Información saísen xornalistas desta caste que se albisca aquí: que, esencialmente, descresen dos medios de comunicación tradicionais.
    Unha salva de aplausos, tamén.

  15. Antón Dobao Says:

    Interesantísima a súa análise. E creo que dá en moitos dos puntos exactos desta reviravolta temporal que sufrimos. Pero talvez falta a outra parte da análise, a que obrigue ás forzas coligadas, fundamentalmente ás nacionalistas, a repensar o futuro e a elaborar autocrítica do pasado. Talvez o legado de catro anos de goberno non se descobre nin con lupa de moitos aumentos, sacada unha Cidade da Cultura que queima no entendemento e uns muíños de vento que asolan o país e que chantou un representante de quen desde hai anos mantiña un discurso claro relacionado coa soberanía enerxética. Defraudáronse esperanzas e necesidades por culpa dunha insá obsesión de autorreprodución?

    Queda recompoñer todas as forzas normalizadoras e de esquerda, pero non só. Que os instrumentos políticos sexan eficaces para mudar a realidade e respondan ás necesidades dos suxeitos reais de cambio. Hai que pasar á acción, crear unha axenda propia, non xogar ao xogo que nos impoñan. Porque nin sequera fomos capaces de desmontar un discurso falso, infantil, escaso, arredor da lingua. E arredor dela haberá que construír, si ou si, a contrahexemonía social e cultural, ou sexa, política, que será precisa. Pensar só entermos de representación política, a política coma un xogo de xadrez diferido das necesidades e desexos das multitudes, é matar toda posibilidade de futuro. Aí eles son moi fortes. Lévannos séculos de vantaxe no manexo da Corte.

    Desculpas pola lonxitude. E felicidades polo Blog.

  16. X.L. Says:

    Señor Lándoas: agradézolle fondamente o seu comentario, principalmente polo que tén de conforto despois destes días tristes para o país e para os que aspirábamos a que o 1M representase un pasiño máis no camiño da xusticia e da dignidade.
    Concordo cento por cento con Vde se ben penso que LVG representou a punta de lanza de intereses empresariais que irán saíndo inevitablemente pouco a pouco nos próximos meses.
    Que iste seu post sexa a “tuba de despertar”que precisamos niste momento!
    Beizóns.

  17. Rubén Pardiñas Says:

    A análise é impecábel, si, pero: non hai nada que dicir sobre o electorado? Que dicir dun 50% de galegos para quen todas esas cousas feas e tremendamente obvias relatadas aquí representan xustamente o país que queren?

  18. Lándoas Says:

    Agradezo en xeral a súa atención e as críticas ás análises e posicións propias. As de todos e todas. Tamén as preguntas formuladas, para as que ou ben non teño resposta ou ben tería que meditala cun tempo do que hoxe non dispoño. As miñas desculpas.

    Só unha resposta a unha das preguntas de Arume: creo que as eleccíóns de 2005 foron, igual que estas, antes unha derrota dunha forza política que a vitoria doutra/s. E sobre a porra que promove Calidonia: nin idea. O que parece claro é que alguén con tanta necesidade de protagonismo estará agora mesmo na gloria. Entendo que hai un par de vías para atalo. Unha é moi elemental: facelo conselleiro (co que perdería a acta de deputado segundo anda cantando por aí a feijooneta) e, se acaba estorbando, laminación vía crise de goberno. A outra é algo máis florentina: promoción dentro de tres ou catro meses a algún posto relevante no ámbito institucional inmediato ao mundo financeiro. Claro que este peixe sabe o que esqueceu o demo…

    Agradezo igualmente o apoio á análise, pero rogaría que non se sobreestime o discurso nin á personaxe que aquí ten voz.

  19. Anonymous Says:

    Magnífica análise e atinados comentarios. Debates deste calibre agradécesense moito nestes dias escuros . Moitas grazas

  20. medela Says:

    Grazas, Lándoa.
    Contra o ‘galego coma ti’ de Fraga (militante acérrimo do social-fascismo de Velasco Alvarado e de Brezhnev), asino o de ‘galego como os textos de Lándoas’.
    Pronto.
    Aínda non dei saído do estado de shock que me provocou o coñecer os arcanos da política galega. Xa mo indicara a miña amiga Sonia, militante e cargo electo do PP: As eleccións foron perdidas por Baltar, Paco Vázquez, Roberto Castro… E gañas por Josemi Sieiro e Marta Chávarri.

    Lándoas: Espero que me honre algún día concedéndome o honor de poder tomar unhas tazas con Vde.
    Mais unha vez, obrigado, señor.-

  21. albixoi Says:

    Excelente análise da situación.

  22. Alfredo Ferreiro Says:

    Ademais de rigoroso, moi inspirado, realmente.

  23. Lume Says:

    É de longe o artigo melhor focado nestas eleiçons. Acho muito necesário artigos deste tipo para nom cair no cainismo e nos debates estériles. O fundamental é passar à guerra suja que já iniciarao no outro lado e que foi respondido com apoio maziço pela sociedade, cousa que nas coordenadas de niilismo demócrata mesmo respaldaría algo tan éticamente reprobável. O Quin já apanhou e tentou criar um jornal, bem por Quin e mal pela data em que o fez como bem apontas.

    Apenas gostava de fazer um apontamento extra que vai em consonáncia com o discurso de arume dos pinheiros e com uma apreciaçom do expléndido Calidonia, o primeiro apontaba uma falta de influéncia de LVG (a serio alguém continua a ler mesmo a versao online?) e o segundo a uma uniformizaçom do voto entre provincias atlánticas e interiores e mesmo em grande parte dos concelhos, diria eu. Pois eu acho que a resposta vem com um fator fundamental que som os meios espanhois. Nom subestimem o poder da força que dizia Darth Vader, pois nao subestimen o poder dos telejornais e tertulias bem pensantes que (oh cousa estrana) se focarom muito mais na eleiçom com resultados máis previsiveis (a priori) e nom no grande e incerto panorama basco (co que eles gostam do “tema basco”), pois é, os meios forom a grande caverna que fixo eco das mensagens dos meios abertamente pro-pp (som bem conhezidas as discusions de que meio espanhol ajudou mais à decapitaçom de Galiza). Para ilustrar isto e também outro ponto essencial (por que o bipartito nom fixo ou nom puido fazer nada, se afinal bem via a galheta que lhes vinha?) deixo o video máis representativo das eleiçoes:

    http://www.youtube.com/watch?v=uXQP01RLDFs

    Para finalizar o interminável speech, sinto tanto respaldo coma profundo medo com a historizidade do momento da que fala-ches e comparto, é por isto que gostaría de uma resposta conjunta à grande pregunta. E agora que? Agora qué caralho fazemos? Pois algo haberá que fazer, um conselho de sabios da rede, uma cabeça visível, um grupo terrorista, o que for… Já vem o extermínio cultural e haberá que estar preparados, pasos à frente?

    Parabéns ao senhor Lándoa, a pesar das circunstáncias

    PS: Esquezia, a campanha que mais tirou cara à rede, e na que posívelmente menos tivo que ver, é por isto que som pesimista a respeito da sociedade civil an rede

  24. gemina Says:

    So unha verba para esta lúcida analise…Chapeau!!!!!

  25. lándoas Says:

    Venham mais cinco, Medela! Unha risada súa bastará para sandarme.

  26. lándoas Says:

    Lume, comparto o que sinala. O referido a tribunais de guerra como o da Sra. Campos, con pericia evidente no tratamento do encadre e da xestualidade. Ten razón que iso non debe desatenderse. Se fago fincapé nos xornais é pola socialización. Si, a TV ou a radio poden escoitarse en colectivo; pero en xeral non promoven posterior tertulia, penso eu. E algo sorprendente que non alcanzo a entender: o xornais, en particular nos lugares onde iso significa “o periódico” (o único que existe, sea LVG, FdV, EP, LR…), conservan unha enorme forza xeradora de debate ou sucedáneo socializado. Os bares de bairro, as tabernas de aldea, os mesóns de estrada… O que di o periódico conserva a sacralidade anacrónica dunhas divinas palabras. A que parte da poboación afecta iso? Poñamos que a un terzo do total dos que algunha vez manchan os dedos coa tinta dos medios.
    E sobre a derradeira cuestión que anota. En parte, de acordo. Pero atráeme moito a noción de “enerxía” desenvolvida polos estudosos dos movementos de arranque e planificación nacional-cultural. Aínda non, pero pode que si. Confiemos niso porque é vitamínico.

  27. Xosé M. González Says:

    O texto, pola densidade analítica e pertinencia do código, ben merece o panexírico. Pero eu lía a sucesión laudatoria e suscitábase idea semellante á que o propio autor enunciou onte,ás 0:28. Laus meu tamén, logo, e por iso.

    Porque eu non acabo de encontrarme nin conformarme na globalidade da hipótese e predicción. Verbi gratia, a proposta de ostracismo moral para os líderes perdedores chégame como forma excesivamente ampulosa que obxectiva en dúas persoas unha responsabilidade colectiva, substanciada arestora -paréceme obvio- nun fracaso electoral; mantivérase o bipartito pola mínima, e a crítica (xaora indispensable, vista se non antes a última semana de campaña) adoptaría ton conminatorio pero salvando, de momento, os protagonistas. Un escano dá para tanta diferenza?

    Porque fallaron os líderes, xaora. Pero, sen discutir a obvia soberanía persoal do elector, tamén podería dar que falar unha actitude (seica din algúns que a máis ‘de esquerda’) de primar o interese da crítica sobre o valor estratéxico do goberno; un goberno ao que se lle negaron oito anos deixándoo en nova illa temporal.

    É indispensable falarmos deles, penso eu que tamén facer crítica de nós. Para iso tamén poderá servir, Señor da Lándoa, o seu escrito certamente luminoso.

  28. lándoas Says:

    Grazas, Sr. González.

    Considero que a situación de empate técnico relativamente aberto que todo o mundo coñecía, esixía dos aparatos de PSdeG e BNG ter preparado un argumentario por se acaso aparecía unha súbita onda sísmica do tipo da que apareceu (telo incluso pactado, ese argumentario, para o caso dunha manobra de enxeñería mediático-económica da clase do que aquí houbo).

    Aí temos unha responsabilidade colectiva: na inopia sobre a condición (tamén) espectacular da política neste momento da historia. Pero un líder político (disto falan máis os gringos ca ninguén) ten que ter ante todo capacidade persoal de reacción e de decisión. O que non pode facer nunca é quedar nos biosbardos cando sente nos ollos o alento do lobo. Estes dous señores, polos que pode crer que non experimento ningunha clase de prexuízo alleo á estrita análise política, demostraron que sobre axilidade mental e sobre capacidade de manobra cando aparece o lobo ou un iceberg por estribor, n.p.i. Teñen unha responsabilidade histórica enorme, reitéroo, por fanar tan precipitadamente un soño necesario. Para min, de modo moi particular, tena Touriño, o Presidente.

    A iso intentei referirme en puntos como o 19: á recta final. Sobre o demais xa teño dito cousas neste espazo. Noutra ocasión, se vostede me fixer o honor de requerilo, poderiamos voltar aos pozos e tamén ás fontes.

  29. Xosé M. González Says:

    Se a esencial responsabilidade dos líderes (e mais, diría eu, o seu contorno inmediato) se focaliza nunha reacción inane fronte á enxurrada de última hora, vaime desculpar o uso de certo argumento que ben recoñecerá: A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante… A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Engado que non vexo ningún líder nin aparello partidario galego capaz da reacción necesaria á que vde. alude -e oxalá niso ande eu medio cego- por un problema de humus e substrato; cito agora a Dobao, e perdoe el unha certa descontextualización: lévannos séculos de vantaxe no manexo da Corte; aquí, neste concreto país e na res publica, no manexo de todo.

    O esquezo do inmediatamente anterior resulta -ou así mo parece- responsabilidade con maior fuste: cando estaba a tiro, perdoóuselle a vida ao lobo; creuse que sen gobernación estatal, galega, sen o substancial da gobernación local faltábanlle os cairos; houbo quen mesmo estimou posible deixalo en segundo lugar, e que gorentoso prescindir, por tal, dun socio supostamente atado de mans. Ben, o lobo escondía a dentamia e trabou en canto puido.

    A trabada foi sobre un corpo desprevido, debilitado tamén por certa infección interna: toda a lexislatura escoitou algunha voz progresista e recorrente a pregoar que o bipartito non o facía mellor cós devanceiros, sen rexistrar excepción en departamento ou iniciativa; no último treito, algún movemento social dedicouse a homologar xestión bipartita e xestión precedente. Eu avalío ambas condutas como exceso; e se PSOE ou BNG -cos seus líderes por diante- avaliaron mal o perigo do contrario, instancia crítica houbo que decidiu facer táboa rasa con tirios e troianos, seica sen admitir prazos nin dar un real para que non volvese o carnívoro.

    Non sei cantos miles de votos se perderon nas resultas. E coa miña homenaxe aos (máis) numerosos descontentos que así e todo foron votar, quede para catalogación doutros o que dicía unha coñecida miña: “Con tal de teren por que mobilizarse, algúns xa quedan contentos”.

    Abofé que, logo de facer filloa cos perdedores, ha de haber abondo para mobilizarse. Iremos todos xuntos, xaora, pero se uns nin se privaron nin se privan de falar, carezo de motivo para eu calar agora. Obviamente, non é vde. o caracterizado, Señor da Lándoa; a ponderación non admite sospeita.

  30. X Says:

    Grazas por ensinarme a ver algunhas cousas das que ata agora non me dera de conta.

  31. Filipe Diez Says:

    Parabéns pola lucidez. Co seu permiso, cítoo e recomendo a lectura no blog que manteño con algúns compañeiros: http://renovarobng.blogaliza.org Tamén andamos nesta teima de entender o que pasou o 1-M e moito antes, e en tentar aprender dos erros.

  32. Maxen Says:

    Fáltame algo nesta análise. Delimitado con claridade o rol que asumiu LVDG (rol que continúa a exercer xa rematado o proceso electoral), paréceme excesivamente sumario e pouco clarificador o xuizo sobre as responsabilidades dos ‘perdedores’.
    As dimisións en grupo non aclaran os motivos do fracaso, ben está dicir ‘fixémolo mal’ pero nin todo se fixo mal nin é tarefa menor decidir si se pecou por exceso ou por defecto.
    O PSdG berra gozoso que o seu erro foi deixarse levar demasiado polas malas compañías nacionalistas, esperemos que só como estratexia de cara ás eleccións europeas.
    E o BNG? Dicía o ‘blandito’ Cesar Casal ‘nese’ xornal que o BNG quería ser Esquerra e CiU (e parecíalle fatal, claro). Sin entrar en que non lle parece mal que o PP galego quera ser desde Fuerza Nueva hasta a mesma CiU, si será interesante saber si a autocrítica do BNG vai cara a reforzar a ‘Esquerra’ ou a tratar de pescar votos en ‘CiU’.

    Como proposta constructiva para tirarlle algo de partido á rede, podería ser interesante un espazo no que se puidesen contrastar as noticias que aparecen nos distintos medios sobre un mesmo tema.
    Por exemplo, se eu leo nun xornal que os que decidiron a asignación do concurso eólico recibiron unha prima de 19000 € sen xustificar, enlázoo nese espazo. Quen teña información adicional (artigos noutros xornais, audio ou vídeo de programas informativos ou de opinión, ou mesmo ‘rumoroloxía de fontes ben informadas’ -coa sua correspondente calificación de fiabilidade) sobre esa noticia podería enlazala ou comentala. Os que sabemos e asumimos que estamos mal informados quedariamos agradecidos.

  33. Lándoas Says:

    Grazas, Maxen.
    Inmediatamente despois dos procesos electorais as declaracións, os movementos a as análises son en xeral tácticos, non cre? Todos, mesmo os pretendidamente asépticos. Haberá que esperar un pouco para concretar discursos sólidos sobre a responsabilidade histórica de quen fixo perder as eleccións non tanto a unha coalición bipartita como a un proxecto de abandono definitivo das vellas estruturas e formas franquistas.

    O Sr. González usa a parábola do lobo. Moi oportuna. Para min, unha das responsabilidades maiores do goberno saínte foi adiar sine die o asunto dos medios. Alimentar a besta, considerando que iso facilitaría a domesticación. Malo por oportunista e malo por cándido. Vexa agora como traba a dereita. Por eses 19.000 euros, unha cantidade ridícula para levala á primeira páxina, haxa ou non verdade na información desenvolvida logo.

    En fin, díxoo Pachi Vázquez. Vén o Opus. Disto fálase pouco, non? Digo desas declaracións.

  34. Calidonia Hibernia | Calidonia Hibernia Says:

    […] campaña electoral, nin avaliar a súa importancia. Só quero amosar coas dúas gráficas seguintes a realidade explicada a nenos e nenas (premer nas imaxes para velas aumentadas no Flickr).Fonte: Resultados oficiais provisionais, […]