Deseiva do tempo


Adiei a lectura de Arcaico o tempo que respira, o último libro de poemas de Paulino Vázquez (Galaxia, 2008), por pensar na primavera. Éncheme agora os bronquios de invernía, bosques, poalla, ruína, faias, desolación. Faime lembrar a chaira interminábel de biduídos brancos na néboa que vai do lago Peipus ao Báltico, naquel século XX fenecente. A contracapa menciona, noutros termos, o que estes poemas son. A lamentación do arqueólogo moral que anota e religa o testemuño dos socalcos lidos, a escasa consistencia dos restos a se desfacer nas mans, a concesión cultural á barbarie; tamén a conciencia do corpo que apalpa a morte. Paulino Vázquez, o eu que constitúe discurso e modula métricas libres de quen oe a música das fontes, fónicas e semánticas a vontade as métricas, fabrica espirais no regreso que non cesa dese léxico da devastación, da capitulación, da relectura de Pound, tamén conservadora e relixiosa no sentido non mercantil e non xerarquizante deses termos malqueridos pola modernidade que outros conxugaron por nós. A alienación e o acabamento. Eses son os asuntos deste tratado moral no que conviven a temporalidade e o tropo medievais, a espacialidade e a arquitectura barrocas e os imaxinarios románticos e modernistas (ingleses sempre neste poeta maior entre os do seu tempo, neste poeta de obra breve). Lamentación, profecía tamén. Antes que elexía, despedida. E, sempre, a denuncia da usura, a denuncia ecolóxica e cultural da usura. Escóitese:

Arcaico o tempo que respira en arañeiras
esculpe cinza a morte, o tempo as estacións
o ocre nos muros nos que cesa a chuvia gris
como teselas dun mosaico repasadas por escamas
ásperas de arxila, onde repousa oculto
o desgaste das palabras escritas na poeira
inmemorial da morte —cinza que sobre a cinza
se derrama como as dalias sobre as escalinatas
dos pazos baleiros —arcaico xace o tempo que respira
detido como os ocres dos estanques
tallando un lique negro, nos cansados
frisos de pedra nos que se apousenta
a morte cicelada nas vellas metopas
(como xeada estiñada en arañeiras)
nas cardinas de orvallo, nos limiares
do tempo que respira larvado, inmemorial
levando a morte a cada cousa, inerte
aos acantos, ás esculpidas hedras vexetais
aos fúnebres barrocos que se consumen
na xeada, ás ramaxes funestas que coroan
acios de morte acaso —acenante o tempo
destrutor, como un destello de xade na penumbra
velado por máscaras que agoiran o presente
esvaíndose, esculpindo cinza a morte
antes de que o tempo descanse nos seus umbrais.

Hai once anos, cando recensionei para A Trabe de Ouro o libro de poemas anterior a este de Paulino Vázquez, A experiencia inglesa (edición de autor, 1998), escribín palabras que agora debería matizar nalgún sentido. Escribín que a obra poética do autor se deixaba explicar sobre a base dun sistema de coordenadas transdución anamorfose. Está previsto que leamos as escenas da dubidosa realidade ou da verídica ficción desde unha identificación postural e discursiva co que a tradición trasladou a nós sobre tal ou cal personaxe/mundo [así seguía a nota crítica n’A Trabe]. O xogo non exclúe nunca ao propio autor empírico, por suposto. El, e a súa voz, son así mesmo material anamórfico e transdutivo, pero sempre mediado e fictivizado. Mediado entre outras cousas polo que o brevísimo John Keats chamaba negative capability, interesante en canto concepto para T.S. Eliot e os seus criterios distanciadores sobre a disociación da sensibilidade. Isto supón unha cesión de espazo ao matérico das cousas, aos derrelictos cultu(r)ais que o poema incorpora, aos discursos outros, sen que nada disto se someta en fin á personalidade do poeta. O poeta está nos seus poemas, si, mais a través dunha emoción reflexiva, a través das lembranzas apócrifas que o seu imaxinario acumula como pedras romeiras dun milladoiro non tan aleatorio. Deste xeito os poemas non resultan colonizados, non nos danan coa exposición dos marcos dunha propiedade experiencial à la mode. Paulino Vázquez —eliotiano convicto e confeso— é doutra clase de poetas, a dos elusivos, a dos non-efusivos [textual na Trabe todo o anterior, que, insisto, agora matizaría].

[Capa do libro, que reproduce o cadro de Gustav Klimt Bosque de faias]

4 ResponsesDeseiva do tempo to “”

  1. Anonymous Says:

    “Admirar,ver,entender,entender de admiracións”.-sinto pero non recordo ben a cita de Dieste.
    Recordame este texto a algo que dicía Dieste e que agora non podo precisar por falta de medios os que recurrir;así que tentarei manexalo nos meus termos:
    recordo vagamente algo a propósito da contemplación,pode que o exemplo refírase a él contemplando a Catedral de Santiago,e relacionoo con esta contemplación da que se fala na negative capability na que non se pretende unha apropiación-nos meus termos-categórica, reaccionase frente o obxeto doutro xeito,¿corporalmente?,incluso como sendo observado polo obxeto mesmo?
    Podería comentar algo sobor disto?
    Perdone o barullo e moitas gracias.
    Unha cousa mais: sabe se existe a palabra ulular en galego?O texto de usura de Pound recitado,precioso,recordame a palabra ulular.

  2. Berenguela Says:

    “(…) o papá levábame de mañanciña diante das teas de arañeira, verdadeiras obras mestras acabadas de tecer pola noite, escintilantes de orballo, perfectas, e alí ficábamos nosoutros inmóbeis, a observar a mestra-obreira, agochada baixo unha folla de hedra, lanzarse, de súpeto, ao corazón do seu reino para amarrar rápido e fortemente, cos seus fíos de prata, a mosca ou a bolboreta presa na trampa.” María Casares.
    Lin nalgures, pero non consigo lembrar onde, que había alguén que levaba sempre anaquiños de espello nos petos para ilos colocando con moito coidado sobre as teas das arañas e así a xente pensaba que chovera. Que lindo!
    Paulino Vázquez debe levar visións nos petos…

  3. hermelándoas Says:

    *Ulular, Anónimo?: Oulear, en gal. din os dicionarios. Entendo que a referencia e a “falar berrando”. Creo que o que lembra de Dieste saíu en _Fragua íntima_, a compilación de aforismos que saíu quizais nos primeiros anos 90, non sei. Pero nesa serie que vostede lembra con tanta precisión, o punto estaba na gradación. En Dieste importa sempre admirar, se acaso ver, o resto non tanto. Claro, interesa entender, porque Dieste fixo moita aproximación ás teorías do coñecemento. O que lle molestaba era o estadio póstumo: entender tanto sobre admiracións que se puidese dar por perdida a capacidade de admirarse. Creo que isto conecta co que en _Sobre la libertad contemplativa_ (penso que alí) denomina “humildade empírica”. E, en efecto, para min tamén pode asociarse isto coa capacidade negativa de Keats e o que comenta da catedral, que procede dun texto de Esther de Cáceres tras unha conferencia de Dieste creo que ne Montevideo. Todo o de sentirse contemplado polo obxecto é moi interesante. Talvez remita a Salinas ou ao propio Juan Ramón. Así que fenomenoloxía, si, pero tamén algo de empirismo inglés en Dieste. Sempre iso, supoño que por influencia do irmán Eduardo, non o sei. Porque todo o resto, o idealismo alemán, a Ilustración, a el éntralle vía Ortega ou directamente da fenomenoloxía.

    Remato, desculpe a extensión. A humildade empírica ten algo moi relevante de fondo: a fortaleza de ver. Penso que a pos-posmodernidade ten nese punto a súa fraqueza epistémica e moral máis seria. A renuncia a ver, probabelmente por soberbia empírica.

  4. Anonymous Says:

    Co de oulear tentaba referirme ao sonido que produce o vento,a propósito de lamentación e profecía.Coido que a nivel mítico en moitos pobos garda un senso parecido.

    Resultame moi interesante esa serie por canto a importancia que ten o elemento da admiración nun proceso contemplativo,como sustrato dos outros e a partir da cal poderían darse; asimesmo nela aparecerían contidos os demais pero nunha forma mais pura,con esa humildade que sinala. Pureza, que para min consistiría na posibilidade de ser alcanzado,tocado por algo,extendendo a idea:contemplado por algo.Vinculación atmosférica. Admiración calada e misteriosa, incesantemente perseguida despois polas palabras dando paso os demais elementos-fases do coñecemento. Entendía o entender de admiracións como verquido sobre o propio proceso de admiración.
    Algo todavía sei que non encaixo ben.
    Gracias e un saudo.RCM