Blogs literarios e remediación


Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L’Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas… literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva “calidade”, “estilo literario” ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario – libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma… Así… como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

[Capa do libro compilado por Toni Ibañez La catosfera literària 08, Cossetània Edicions, 2008. Atoparanse datos sobre a historia do libro neste sitio]

8 ResponsesBlogs literarios e remediación to “”

  1. Iacobus Von der Stein Says:

    Tómese algo, no bon sentido, claro, non seña que como estivo un chisco acatarrado entendeo o revés, ou algún anónimo lle dice algo inconveniente. Para mín a grande diferencia cos blocs cataláns, que algún sigo, e que teñen completamente afincada a língua, que é o que nos falta a nós. Pero todo se andará, digo eu.

  2. Teoría M Says:

    Fermosa anamorfose catóptrica a da súa fotografía.
    Se cadra o interesante non sería intentar, imposiblemente, o transpaso dun blog para o formato dunha novela; senón o certo transpaso, algún. Neste sentido -ou aproximado-, encantaríame saber que opina de Cero Absoluto, de Javier Fernández. Unha pretensión e pouco máis?

  3. lándoas Says:

    Ola, Teoría M, non lin _Cero Absoluto_, pero en xeral teño unha relación rara con propostas distópicas tan declaradas. Mesmo cando son paródicas e cómicas(Granell, _El clavo_). É como unha resistencia a aceptar unhas regras do xogo con tanto vatio alegórico e, por así dicilo, de tan doada inventio.

    Tamén considero algo abusivo o recurso á illa en termos narrativos e de formulación de mundos. Pode que sexa polo petardeo _Perdidos_, do que cheguei a ver algúns capítulos. E fíxese que está o Dieste de _La isla_, pero alí a dimensión espacial tiña algo de teoloxía onírica, divertida. Porén, e contra o que estou a argumentar, sempre tiven idea de escribir algo sobre illas e conciencia. _A vergonza_ de Bergman, _Martinique, charmeuse de serpents_ de Breton e Masson, _Lucía y el sexo_ de Medem…

    Pero, en fin, terei que ler logo _Cero absoluto_, un bo título.

    De todos, xeitos, cara Teoría (o seu nome sóame…), díganos vostede algo sobre a obra de Fernández. Entendo que se a sacou a propósito do post catosférico sería por algo. Considera que a blogosfera é unha suspensión da vida real?

  4. Teoría M Says:

    ah, ben, non, non tiña interese en coñecer a súa opinión sobre a obra de Javier Fernández porque pretendese, coa súa resposta, defendela. De feito, encóntroa maniquea (excesivamente sinxelo e manido o emprazamento distópico, o mesmo para o recurso á prensa, á illa, o chivo expiatorio, etc.), previsible e de dubidosa calidade literaria, porque unha aínda disfruta dos grandes relatos. De tal maneira, interesábame a súa opinión porque, malia todo o dito, a novela supón un exemplo interesante de novela (escrita en papel) que explota os tránsitos entre virtualidade e realidade. Sobre a pregunta que me fai, non observo, como si fai Fernández, que a blogosfera (e, con ela, toda manifestación q se produce na RV) supoña unha suspensión da vida real, de feito penso que unha concepción/teorización dos tránsitos entre SL (Second Life) e RL (Real Life) como abruptos erra desde o principio. Cóstame traballo concebir que non todo sexa RL; quero dicir, por virtual que sexa, é realidade (como non selo?).

  5. lándoas Says:

    Ocórreseme, Teoría, pensar no imposicionalismo. Quero dicir, podemos levar o debate ao terreo no que SL e RL sexan o relato histórico e a realidade histórica. A imposición da forma-relato conectaría coa hipótesee da teoría posmoderna da historia (da historiografía) segundo a cal existen sen dúbida feitos e invencións, si, pero tamén isto outro: toda narrativa forza os acontecementos en tal sentido, mediante a linguaxe e o uso retórico da mesma, que acaba por impor unha verdade continxente, a emanada da orde causal e argumentativa imposta pola retórica narrativa. Isto desacouga un pouco, non? É, así, realidade todo discurso só por ser discurso? E se é realidade éo dun modo homólogo á realidade obxectiva? Existe tal cousa? A realidade é só construto cultural, percepción autorizada por unha dada semiosfera, unha instalación no mundo? Complexo.

  6. Teoría M Says:

    Paréceme, Lándoas, que vostede trasladou a miña proposta (RL e SL como modos do real) ás súas categorías -a)real, b)virtual- establecidas a partir dunha analoxía coa relación xerárquica entre: a)feito histórico e b)historiografía. Isto é: a)real, feito histórico e b)virtualidade, historiografía. Non comparto esta analoxía desde o principio, como xa dixen no outro post, e pregúntome vivamente por que entende SL como relato histórico e non como parte da realidade histórica?

    De acordo co imposicionalismo, pero se este é pendular. Quero dicir, creo, como explica, na transformación que exerce o relato sobre o feito histórico, pero tamén ao contrario. Neste sentido entendo, con algúns materialistas culturais, que a superestrutura tamén crea infraestrtura, non só vén determinada por ésta. Polo tanto, se existe a realidade obxectiva? faime a min a grande pregunta da Filosofía? entendo que esta e todas as outras (preguntas) son aproximadamente retóricas. Aínda así, atrevereime a dicir que creo na existencia do “fenómeno en si”, sen esquecer que ao seu carón existe, inmediatamente, a física cuántica.

  7. Teoría M Says:

    Debín comezar o post anterior dicindo que emprego as abreviaturas SL e RL nos seguintes sentidos respectivamente: SL, second life, realidade virtual. RL, real life, realidade obxectiva. Creo que ao intentar definir ás diferenzas éstas xa non se sosteñen, quero dicir que se observa como as dúas son o mesmo, pero non me vou reiterar e como etiquetas, en todo caso, son útiles.

  8. lándoas Says:

    Pero trasladar Althusser e a dobre determinación base/superestrutura ao terreo RL/SL resulta algo forzado, non? E aínda máis, coido, o mo(ve)mento inverso: proxectar a presunta unicidad RL+SL ao conxunto formado, por exemplo, por relacións de produción+Estado.

    Eu razoo mellor os seus argumentos desde a fenomenoloxía e o idealismo que desde o materialismo histórico. Igual non estou a entender ben o que postula, aínda que por suposto me atope lonxe do que se chamou suxeito/realidade ontoloxizados.