Que é Poéticas de Resistencia?

Poéticas de Resistencia é unha rede internacional de investigadores e produtores literarios e culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos. A rede atópase en fase de constitución mediante encontros e debates centrados xustamente na especificidade das nocións de resistencia e de intervención artístico/cultural. Asúmese de xeito normal a procesualidade desas discusións e acéptase a idea de que os encontros serven para reflexionar en voz alta e en marcha. Cun compromiso crítico e tamén de debate teórico e metodolóxico.

Como se activa a produción artística, literaria, cultural… no momento histórico presente? En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder?

A primeira reunión celebrouse hai agora un ano na Universidade de Leeds, organizada por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Acudira daquela á cidade inglesa unha representación galega, analistas e poetas, relativamente nutrida. Os días 16 e 17 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela unha segunda reunión. Esta páxina web informa sobre programación e actividades do II Simposio Poéticas de Resistencia.

[Colaxe de Xosé Luís Mosquera Camba que ilustra cartaces e web do simposio. O texto tómase parcialmente do texto de presentación da reunión de Leeds]

2 ResponsesQue é Poéticas de Resistencia? to “”

  1. Manuel Says:

    Caro Lándoas, permítame unha inquisición transversal e interesada para ver se me libra dun apreto. Unha alemana inquiriume sobre algo de bibliografía arredor da nosa situación lingüística, política e cultural. Ao momento viñéronme moreas de libros á cabeza, mais o requisito de que estexan en castelán cortou de bruces a miña imaxinación. Ocórrenselle algúns que lle poida citar á tedesca?

  2. lándoas Says:

    Home, Manuel, non quixera eu facer disto un consultorio, pero en fin…

    Primeiro, diría que a amiga alemá, se pode ler en castelán seguro que tamén pode ler, con algo de esforzo suplementario ao comezo, en galego. Pero se pensa que iso non sería tan factíbel pois eu comezaría con Otero Pedrayo, _Ensayo histórico sobre la cultura gallega_.

    A partir de aí… Hai un modo moi doado de acceder a información cun pouco de esforzo persoal. Entrando na magnífica web da BUSC (Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela), pode marcar o “Catálogo Galicia” e aí pedir que se listen os libros e publicacións relacionados cun “tema” (só funciona con etiquetas en castelán) ou cunha “palabra clave” (en castelán ou en galego) determinados. Acabo de facer a proba e se marca en “palabra clave” a etiqueta “cultura galega” ou “cultura gallega” saen centos de referencias. A súa amiga pode ordealas con criterios diferentes, por exemplo poñendo primeiro os libros e logo os artigos. Ou tamén con orde cronolóxica ascendente ou descendente. Dígalle que marcando en Google BUSC, atopará doadamente o sitio. Naturalmente, a partir de aí poderá distinguir os libros pola súa lingua de publicación. Iso tamén pode facelo vostede por ela, proceder logo a seleccionar e gardar os rexistros que lle parezan máis interesantes e compoñer con iso un documento exportábel.

    E así co resto. Tamén penso que debería entrar en contacto co Galicien Zentrum da Universität Trier, editor de _Galicien Magazine_.