Crise, deporte e nomenclatura


Vendo a Rodríguez Zapatero comentar a crise de goberno e situala como apéndice do plano secuencia da súa semana de gloria internacional, con foto en tres cidades distintas da man de Obama, vendo o aceno aínda xuvenil de persoa oufana por sentar na mesa onde se decide o rumbo do mundo, anoto o que me vén á cabeza sobre a reconfiguración do Goberno do Estado:

1. Resulta clara a mensaxe que Zapatero quere deixar en termos históricos como presidente. Chámase igualdade e pasa pola equiparación definitiva de homes e mulleres. Non é pouco, hai que recoñecelo. As dúas primeiras vicepresidentas son mulleres, o terceiro vicepresidente é varón. Na foto de mañá nas escaleiras da Moncloa flanquearán ao presidente dúas mulleres: pola dereita Fernández de la Vega e pola esquerda Salgado. A foto é a mensaxe, considero. Salgado será a primeira ministra de Economía na historia de España. Primeira ministra de Defensa hóuboa xa antes. Está claro, a día de hoxe, que o xefe de goberno intentará promover unha muller como sucesora súa cando el canse.

2. Resulta tamén claro o propósito de blindar colexiadamente o núcleo duro de decisión. Será o partido quen entre apretado á melé da crise económica. Ignoro se coa mesma estratexia que os da foto de arriba. Era precisa máis política, dise. Si, e tamén menos responsabilidade persoal se a cousa fracasar. Obsérvese: nunca antes estiveran nun goberno do Estado o secretario xeral do partido, o vicesecretario e o presidente. Ou moito me equivoco, ou nunca antes (Glorioso Movimiento Nacional á parte, claro).

3. O famoso organigrama ten bastante de carambola. A verdade é que eu non acabo de crer que haxa organigrama. Desde logo non na proxección que se traslada á sociedade. Descoñécese esa cousa, dentro e fóra. A distribución queda así, e podería quedar doutro xeito, de calquera outro xeito. Nas primeiras informacións, a iso das 13,3o h. de hoxe, escoitei nomes curiosos de ministerios, que polo de agora non existirán. Por exemplo, Fomento y Vivienda como un único ministerio. Educación…, que dicir de Educación? Era un ministerio diso, de Política Social y Deporte. Sen Universidades. Agora será de Educación a secas. Ou de Educación a Secas? Díxose que de Educación y Universidades, pero na páxina de Moncloa di só Educación, se ben coa Secretaría de Estado de Universidades dentro. Zapatero non sabe que facer con Universidades. Agora mete a un catedrático de metafísica a dirixir o asunto. Tamén hai unha latinista en Cultura. Son novidades curiosas. Como persoa de Humanidades, a min preocúpame un pouco tanta presenza do gremio. González-Sinde non perde o tempo: xa ten clube de fans. Piden que sexa cesada antes de tomar posesión (P2P e esas cousas…). Por certo, Política Social agora pasa a ser, con Trinidad Jiménez, Políticas Sociales. Curioso tamén. Talvez haxa dúas no canto de só unha. Non hai organigrama? Non, non hai organigrama. Hai reaxuste e adaptación ao medio. Serán tres as vicepresidencias (algo como mínimo antiestético) pola entrada como ministro de Política Territorial de Chaves (na páxina web da Moncloa, asegúroo!, até hai uns minutos dicía que sería ministro de Cooperación Territorial; pero igual se queixou Moratinos a ZP, porque el é de Asuntos Exteriores y Cooperación…, demasiada cooperación, carafio, pensaría ese home un chisco diletante de máis). Raro igualmente isto de deixar a presidencia dunha comunidade autónoma como Andalucía para entrar como ministro no goberno central. E cando aínda non se cumpriran trece meses desde aquelas eleccións autonómicas. Non semella moi respectuoso cos andaluces. En fin: tres vicepresidencias, diciamos. Podían ser máis, é certo. Podían ser oito, ou once. Podían? Podían! E podía haber un ministerio de Vivienda, Universidades, Avecrem y Medio Ambiente? Abofé que si!! Con circunstancias ad hoc, abofé que si.

4. Chama a atención que a Secretaría de Estado de Deportes e o Consejo Superior de Deportes pasen a depender directamente de Presidencia do Goberno. Será que Gabilondo non o quixo? Ca! Máis ben terá que ver con algo que ocorrerá en outubro deste ano 2009. A posíbel designación de Madrid como cidade olímpica en 2016. Úloo, so iso. De non estar Chicago na carreira até pensaría que esa fose unha das postais intercambiadas con Obama. Pero Chicago é Chicago, talvez outra aposta persoal. Ou é que en Chicago xa decidiron que non poden cargar con iso ou que non cadra coa austeridade autoaplicada? De calquera xeito, o deporte sempre se enuncia con sorriso, como ben saben nos telexornais. Nunca entenderei por que, pero iso é o que ocorre.

5. Blanco toma posicións para entrar na carreira de fondo pola Xunta en 2013. Este home, creo que con Corcuera e Corbacho o único ministro socialista da Restauración sen título universitario (acabou Dereito pola UNED?), é calculador. Todo era previsíbel, pero agora fica confirmado un dos elos do conto que nós mesmos nos contamos. Semella verosímil. Aí, por outra parte, concordo con Rajoy e con Feijóo (horreur!): será moi doado facelo mellor que Magdalena Álvarez.

6. Catro galegos nun total de dezasete ministros. Imaxino que iso precipitou a saída de Molina, ou que polo menos contribuíu a darlle porta tras un par de anos de servizos. Catro galegos, si, e polo menos tres con peso político no gabinete. Pode ser interesante. Veremos.

7. Last but not least, máis da metade dos membros do novo goberno son máis novos ca min. Non acabo de entender como pasan estas cousas.

[Partido de rugby con tocamento Francia-Australia (2008). Fotografía de Tim Wimborne]
ps. Cando o vicepresidente nono prometeu o cargo o crucifixo seguía alí. Un aseguraría que incluso máis grande (08 04 2009).

2 ResponsesCrise, deporte e nomenclatura to “”

  1. Anonymous Says:

    Querido Lándoas, eu sempre miro as esquelas mortuorias e vexo que @s mort@s son xente de igual ou menor idade ca min. Algunh@s son maiores, é certo. Polo demais, eu estou tranquilo, á espera de que pase pola miña porta o cadáver dos meus inimigos. Toda esta trapallada improvisada do goberno de ZP tamén merece que nos poñamos á porta da nosa casa ver pasar a estadea de fracasos que este goberno vai sementar e colleitar.

  2. Anonymous Says:

    pasan querido Landoas, pasan, todo está nas maos de xentes mozas
    quen o ía dicir
    bico
    Jenny