Medir os tempos


Segundo xa se sostivo por aquí, dereita e esquerda nominal diferéncianse hoxe nalgunhas pautas, si. Unha delas, das máis destacadas, é no xeito de medir os tempos de intervención/comunicación á hora de combatir ao contrincante político. Sempre me irritou a inversión anotada por Michel Foucault a partir do apotegma de Karl von Clausewitz, segundo a cal a política sería a guerra desenvolvida e continuada con outros medios —Clausewitz dixérao ao revés no célebre Vom Kriege (1832), do que se dispón en liña dunha tradución ao inglés. A fin de precisar argumentos, engadirei que esa torsión sintáctica molesta máis no sentido intelectual que no ético. Desde logo, asumo a exactitude de fondo do quiasmo foucaultiano: a dominación consiste moi a miúdo en facer que o abuso sexa percibido como pacto. Por aí derivariamos á noción gramsciana de hexemonía, segundo é ben sabido; ou mesmo ao Zygmunt Bauman que en Liquid Modernity, tendo presentes conflitos como o balcánico ou o iraquí (o primeiro, o de 1990), reformula a Clausewitz para indicar que a guerra hoxe é a promoción do libre comercio mundial por outros medios. Novos matices quedarán para posterior ocasión.

O asunto entra hoxe no blog a propósito dunha das últimas comparecencias de Pérez Touriño como presidente do goberno. Interrogado polos xornalistas en relación coas declaracións de Baltar das que se informou aquí nun post hai un par de días, Touriño volveu ás andadas: dixo que iso non era novidade e acabou na vella linguaxe formularia da peor resignación antropolóxica. “Éche o que hai”, esa é a fórmula por el aplicada tamén cando o acusaron disto e do outro, nuns momentos nos que a partida estaba en xogo e nada fora decidido aínda. Esa combinación melancólica de suficiencia moral, soberbia intelectual e desgana física para baixar ao ring da argumentación foi o que derrotou ao bipartito o 1 de marzo. Esa abulia, ese baixar os brazos, esa convicción sobre o feito de estar á marxe da loita política, esa indolencia que tanto lembra ao último Felipe González na Moncloa, xa a partir de 1993, resulta por completo inadmisíbel en quen aspira a gobernar un país. Iso é o que abre a porta á reacción, esa entrega desmoralizadora, irresponsábel. Certo, é probábel que Baltar, cando compareza perante un tribunal (que creo que esta vez non escapa), xure e farfalle que el non dixo tal e que todo se debeu a unha mala interpretación do reporteiro e tal e cal e agora imos tomar unha de callos xuntos vosté e mais eu, e eu son incombustíbel e guapo, un campeón e tumba e dalle. Si, e que? E que, Touriño? Todos sabemos o que ese individuo leva anos e anos facendo cando hai eleccións, en efecto, pero até agora non se dera unha circunstancia tan favorábel como esta para conducilo perante a xustiza por delictos libremente confesados contra as leis, incluída aí a electoral. Se a conversa está rexistrada (difícil, porque Baltar non é parvo) algo debería pasar, algo tería que pasar.

Alén do anterior, a dereita de sempre non actuaría así. Funciona coa pauta do can de presa. Sabe calcular o momento preciso para trabar e facer dano. Por exemplo, a dereita non largaría agora, antes da constitución do novo goberno e en plenas vacacións de pascua, o escándalo Hernández. A dereita esperaría a que o tipo fose conselleiro de Obras Públicas. E cobraría así unha peza de caza maior, non un paspallás ou unha miñoca. Naturalmente, estou a pensar na dimensión mediática de todo este asunto, que si, é tamén venatorio, polo menos venatorio xa que non bélico no sentido Clausewitz-do-revés. Porque se concederá que non é o mesmo forzar a renuncia dun deputado que forzar a dun membro do goberno. E que non se dan conta? Cal é o motivo para facer política como hermanitas de la caridad cando un ten fronte a si todo o que o PP ten neste país noso (o que ten á vista e o que ten camuflado como paisaxe)? Alguén entende a esta xente? Esta sedicente finesse d’esprit que en realidade non é máis que panfilismo e dervichia basal, autismo político.

[A ilustración tómase da páxina http://www.myspace.com/coachisrael]

9 ResponsesMedir os tempos to “”

  1. SurOeste Says:

    Eu estou convencida que a maioría das veces gáñase non por méritos propios, senón por demérito alleo. Aquí faltou, entre outras cousas.
    -traballo en equipo e espírito de grupo
    -táctica
    -organización
    -disciplina
    -elocuencia

    Enfín, todo o que non seensina nin practica na escola. Pero a culpa sei eu ben de que é: d@s profesor@s

  2. lándoas broadcasting corp. Says:

    SurOeste, última hora sobre Monte Pío.

  3. Vanessa Medela Redgrave Says:

    Desculpe, sr. Lándoa{s}, apenas unha preguntiña: Por que vencellou Vde. as imaxes de ‘Blow Up’ coa “gloriosa” actuación de Baltar no que respecta ás sospeitas de este sobre a intencionalide de voto??
    Na verdade, estou intrigado, tendo en conta que ‘Blow Up’ é un dos meus dous ou tres filmes preferidos.
    Moitísimas grazas, e un saúdo.-

  4. lándoas hermeneutical corp. Says:

    Moi admirada Sra. Redgrave, é un pracer escribir para quen clica. Clicar, como os fotógrafos e os lectores con tempo e memoria. Por que esa ligazón concreta? Non foi premeditada. Foi posterior á escrita. Lin aquilo alí, a frase “vi a una pareja y tuve dudas” e unha neurona colleu rumbo cara ao cortazariano “Las babas del diablo”. Claro, despois, todo foi inmediato. Antonioni e Cortázar non contan a mesma historia, creo lembrar (pasou moito tempo para min). A idea do morto na foto, a idea da ampliación (blow-up), a idea de que precisamos unha mirada aquilina para saber ver a realidade. Detrás da pulcritude, isto creo que o dixo Rabelais, sempre está a merda.

  5. Anonymous Says:

    extraordinario
    bico
    jennyEinibó

  6. Vanessinha Redgrave-Medela Says:

    Alucinante.
    Antiespasmódico.
    Hermenéutico.
    Enxeñoso.
    Pre-psicodélico.
    Estourante.

    Obrigado, mestre Lándoas.-

  7. estibalizes Says:

    Un must de post.

    Non penses nun elefante, de George Lakoff, publicado pola Editorial Complutense. Vostede seguro que o coñece, señor Lándoas. Aquel aplícase con fruición sobre o debate político dos Iu Es Ei. Precisamos alguén tamén neste país que saque á luz as metáforas e termos dos que se apropia á dereita como estratexia de apropiación indebida do mundo.

    Ou a carencia de ideario plasmado en retórica da esquerda.

    Búscase metaforista político. Eu vexo que vostede dá o perfil.

    :]

    Saudismos

  8. Robert Medela Stevenson Says:

    Doutor Lándoa{s}: Desculpará a miña insistencia sobre o tema
    ‘Blow Up’.
    Só unha cousiña: O matrimonio aquel ao que argüidamente lle mudaron as papeletas de votación, son o fotógrafo e máis a modelo.
    Pronto.
    O sr. Baltar… Quen ven sendo no filme?? Jeff Beck esnaquizando a guitarra no palco do Marquee??
    Moitas grazas, boa noite, boa sorte, e disimule, doutor.-

  9. Doc Lándoas Says:

    Nobre amigo:
    Non o sumo a vostede entre os bípedos que toman en serio sibilas ou sibilantes de ofidio canso. Tamén non entre aqueles que fican a profundar perante o verbo desatado da alegorese xamánica. E falando en tal cousa e en doutores, lembro a tese doutoral fanada de Walter Benjamin sobre o Trauerspiel. Leva contra o final un epígrafe: “O cadáver como emblema” ou algo así. Pois diso vai a parrafada. Baltar é o narrador, claro. Reitero que penso máis no conto de Cortázar que no filme de Antonioni. O narrador que comeza dicindo que a cuestión é sempre o discurso. Quen conta, como conta, en que persoa conta. Baltar-Ariosto que lle dá voltas a como compor o canto. E logo si, tamén, claro. Jeff Beck e os Yardbirds son en realidade Waltharius o os Deputados. Ao fin e ao cabo se o propio Cortázar se prestou a asomar o careto na de Antonioni e o propio Agamben fixo o propio noutra de Pasolini, por que motivo non ía Waltharius aparecer nalgunha xesta filmada e documentada?