Paul Celan en Bucarest

 Para Rosa Marta

Parecen existir lagoas biográficas aínda hoxe sobre os anos que transcorren entre 1940 e 1947 na vida de Paul Antschel (Ancel en romanés). Un repaso rápido: nacido en 1920 en Czernowitz, capital entón da Bukovina romanesa hoxe repartida entre Romanía e Ucraína, asiste á ocupación soviética da rexión en 1940 e á consecutiva ocupación alemá de 1941, esta última acompañada dunha feroz represión da poboación xudía que empeza a ser desenvolvida polas tropas rumanas aliadas de Hitler (lembro agora “La parte de Archimboldi”, do 2666 de Roberto Bolaño); desde Czernowitz os pais do xove Antschel son deportados en xuño de 1942 a campos de traballo na zona do río Bug; o pai resiste só catro meses e morre de tifo, á nai fusílana pouco tempo despois “por non ser apta para o traballo”; a Paul depórtano en xullo do mesmo 1942 a un campo de traballo en Valaquia, 400 km ao sur de Czernowitz, máis tarde a outros campos, algúns nas montañas, así até febreiro de 1944, cando é liberado ou consegue escapar. En marzo de 1944 os soviéticos recuperan a súa cidade natal. Paul pasa por Kiev e regresa a Czernowitz. En abril de 1945 (estou seguindo sempre a biografía de John Felstiner, de quen por certo Emilio Araúxo publicou en Amastra-n-gallar, en 2003, Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito a meu pai) entra en Bucarest nun camión do exército ruso atestado de romaneses. Alí permanecerá até decembro de 1947. Traduce, ese é o seu traballo entón. Traballa para a editorial Cartea Rusa, entra en relación profunda co movemento surrealista romanés, xoga cos nomes, modifica o apelido para fixar o seu nome literario, anagramático a partir da versión romanesa do orixinal Ancel. Celan escribira xa algúns dos seus textos maiores. “Todesfuge“, por exemplo. Entón, decide probar a escribir en romanés, unha lingua aprendida. En edición de Víctor Ivanovici, as Prensas Universitarias de Zaragoza compilaron dezasete textos desa etapa nun libro titulado Los poemas rumanos (2005). Ivanovici sinala que son dun Celan-antes-de-Celan. Poemas en verso, poemas en prosa, un cuestionario surrealista… Sorpréndome chegando á conclusión de que o texto que maior impacto de lectura me causa é un fragmento dun poema máis extenso, perdido, acaso destruído. Reprodúzoo e animo de novo a Costraf a que abra o comentario multitudinario do poema. Deste poema brevísimo sen título:

Herba da túa mirada, amara herba,
e sobre dela o vento, unha pálpebra de cera.

 Auga da túa mirada, auga absolta.

 

 Iarba ochilor tăi, iarbă amară. / Flutură vânt peste ea pleoapă de ceară. / Apa ochilor tăi, apă iertată.

[Retrato de Paul Celan lendo na Galería Dorothea Loehr de Fráncfort en xullo de 1964. Fotografía de D.R.]

8 ResponsesPaul Celan en Bucarest to “”

  1. Negro Leite do Alba Says:

    Saúdos

  2. Anonymous Says:

    É “da alba”, pero moi interesante.

  3. lándoas Says:

    Saúdos, Negro Leite. Non coñecía a súa páxina e agradezo moito ter noticia dela.

  4. Tío Pepín Says:

    Herba e auga,lugares onde as miradas se con-funden,con-fusión que sucede no interior,nun plano íntimo e a vez no exterior,a proxección do interior cara ese exterior. Que a mín faiseme presente nas metáforas da auga que xa pode fluir,seguir o seu curso natural,está absolta,liberada;e a outra imaxe da herba movéndose polo vento. Agora ben,desconcertame ben a frase de amara herba,que non sei porqué me desacouga. Téñome que quedar,de momento,coa tensión,dentro fóra,movemento repouso,e tamén apresamento. Coido que sería necesario falar neste último nome de unha terceira “mirada”.

  5. tío Pepin Says:

    Vaia, surprise surprise! Unha de dúas, ou este tío Pepin que agora está escribindo este comentario é puritísima esquizofrenia, cousa que nunca descartei, por suposto, ou o tío Pepin que asinou o comentario anterior é un falso tío Pepin que por algunha interesante razón quixo esconder así o seu xeito de abordar o poemiña de Celan. Paréceme ben, por que non?, é unha opción deste medio. En todo caso probablemente o tío Pepin que esto escribe, e que tanto ten cal deles sexa, anuncia aquí e agora que a partir deste mesmo instante calquera que apareza asinando comentarios con tal nome xa nunca será o tío Pepin de sempre. A morte é así, chega un día calquera a unha hora calquera e do xeito máis inesperado. Volvemos entón a ese ripio definitivo, ó R.I.P. Non se recibe dó, e tampouco se admiten, por favor, lirios amarelos.
    Urbi et orbe:
    http://www.youtube.com/watch?v=P3ET1b0ymZs

  6. Lándoas Says:

    Tío Pepín (auténtico) lamentaría moito a súa marcha deste foro. Se considera que o comentario do falso Tío Pepín debe ser anulado polo administrador do blog non ten máis que facermo saber do xeito que estime máis adecuado. Alén diso, para garantir minimamente que esas cousas non ocorran, dentro de Blogger, sempre se pode intervir cunha conta Google protexida con contrasinal. Seguro que xa o sabe.

    Por fortuna, até agora este blog non tivo un exceso de incidencias desta clase, que eu saiba.

  7. espectro do tío Pepin Says:

    Nesta única e extraordinaria aparición do espectro do tío Pepin unicamente quero pedir que non se suprima ningún comentario, non hai por que facelo. E si, sei que hai xeitos de evitar que aconteza o que aconteceu, pero non de evitar que xa acontecera. Penso que está ben así, que o tío Pepin palmara como consecuencia dun comentario apócrifo a un poema de Celan escrito en rumano e traducido con certas licencias ó galego e, máis aínda, vinculándoo dalgún xeito con Bolaño. Que máis se podía desexar?

  8. Marta Says:

    Non fan falta moitos versos. Estes amosaban xa o Poeta Celan.
    Tan preto da pel. Grazas pola túa lectura.