A Academia debe falar

Tras o anuncio que o presidente Feijóo vén de facer nunha cadea de radio e o que nela e noutros medios se avanza de xeito algo máis que oficioso sobre a súa decisión de lanzar de inmediato a temida ofensiva contra a Lei de Normalización Lingüística e as normas que a desenvolven e que amparan os dereitos lingüísticos dos galegos, a Academia Galega ten o deber impostergábel de falar, ten a obriga política (no máis nobre sentido desta nobre palabra) de intervir. Debe facelo antes de que sexa tarde e de que os feitos consumen unha situación sen volta. Ten que facelo porque así llo demanda o artigo 1 dos seus vixentes Estatutos, onde se recolle que o seu obxectivo fundamental como institución consiste na “ilustración, defensa e promoción do idioma galego”.
[Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega]

ps. Brétemas: “Feijoo no labirinto” (01 05 2009).

16 ResponsesA Academia debe falar to “”

  1. albixoi Says:

    Completamente de acordo coa súa tese. Non só as Real Academia senón tamén o Consello da Cultura e toda canta institución estiver vencellada co idioma. Nestes momentos de treboada non cabe estarmos calados. A resultado do noso silencio pode ser decisivo para a eliminación do idioma

  2. arume dos piñeiros Says:

    O tagallo cinismo é o que máis me gusta.
    Pero non o facía eu tan (real)académico, amigo Lándoas. Por que non aproveitamos para armala e de paso pedirlles que se disolvan?

  3. lándoas Says:

    Arume, o único que digo na anotación é que diante da gravidade do que Feijóo anuncia que vai facer a Academia ten que intervir. Non creo que a Academia teña poder para salvar nada por si mesma na situación política creada tras as eleccións. Tampouco a vexo con capacidade para encabezar nada. Digo e manteño, só, que debe sumar a súa voz, e non en privado nin cun simple aceno escolástico ou de salón, á voz e á acción de todos os que estaremos o 17 de maio en Compostela para dicir que a realidade existe e que nós estamos aquí e formamos parte dela. Ese día constituirá o inicio dunha nova historia para o país. Estou seguro do que digo. E a Academia, por sentido histórico, por dignidade civil, ten que presentarse na ágora pública ese día e hoxe, sen adiar un só minuto o que é o seu deber manifestar como Academia. Naturalmente, o que logo cada un de nós pense sobre a Academia e o seu labor é outro asunto. Unha institución que mantivo os estatutos de 1906 até 1999 non transmite idea de ser moi dinámica. Certo. Unha institución que ten uns _Estatutos_ tan tímidos e apoucados como os que ten a RAG, publicados en BOE baixo a sinatura de Mariano Rajoy, non proxecta impresión de enerxía. Certo. Unha Academia que sitúa como “Prólogo” deses _Estatutos_ a prosa que todos podemos ler na web da institución dá algo que pensar sobre moitas cousas. Podería seguir. Pero agora non falamos diso. Eu polo menos non vou falar diso neste momento.

  4. Anonymous Says:

    Concordo con Lándoa. Parecéndome inútil e decimonónico o papel da RAG, pero é certo que poden gañarse a razón de existir saíndo á luz pública dunha vez, xa que estos señoritos de dereitas saben gardar moi ben as formas e certos símbolos (discurso na Panteón de galegos ilustres, invocación a grandes galeguistas…todos mortos, claro). Sigo agardando polas manifestacións e postura da RAG e por outros como o Consello da Cultura Galega, que seica ten o encargo de Feijóo09 de decidir que se se trae a Dylan ou a Springsteen ao Xacobeo.

  5. rerperse Says:

    Somos moitos os que pensamos que hai que comezar a actuar. Onte, na rolda de prensa que ofreceron os de G.B., apareceron unhas nais tapadas con pasamontañas denunciando que perseguían os seus fillos no colexio para que falasen galego. Iso foi claramente unha montaxe e ninguén dixo nada. Ninguén é perseguido en ningún nivel do ensino por falar en castelán e menos ata o extremo de que os seus proxenitores teñan que facer declaracións públicas de xeito enmascarado para non seren represaliados. Por outra banda está o tema da financiación. Quen financia a esta xente? Que vínculo teñen coa FAES?
    Creo que estamos diante dunha oportunidade única para desenmascarar as actividades perversas do antigaleguismo.
    E vostede, Arume dos Piñeiros, que fixo campaña en contra do bipartito, a que xoga? Agora tócalle á Academia ou que?

  6. Anonymous Says:

    Non creo en absoluto que o señor Arume fixera campaña contra o bipartito, máis ben todo o contrario (sei perfectamente do que falo). A súa actitude crítica con moitos temas tamén fai falla. Non comecemos a disparatar e a confundirnos de enemigo.

    En canto a GB, fago a seguinte pregunta:

    Como é posible que, aos poucos meses de nacer teña un autobús á súa disposición para levar a cabo campañas por todo o país (tuneado , pintado e dotado de medios para tal fin)?
    A Mesa( a asociación cultural máis importante de Galicia por afiliación) non pode nen soñar con facer unha campaña con semellantes medios.
    Quen os financia?
    Quen está detras de ese montaxe?
    Ninguén pode informar diso?
    Están craras as súas contas, os seus ingresos, as súas declaracións de patrimonio?

    E por último, unha petición:
    D. Francisco del Riego , D. Avelino Pousa Antelo, todos os que mantiveron a lingua e a a dignidade do país durante tantos anos e en tempos máis duros que este, pedímoslles un esforzo máis. Queremos escoitar a súa voz. Xa que moitos intelectuais galegos calan, falen vostedes.

  7. arume dos piñeiros Says:

    Que a Academia (institución que aprezo en pouco: outra cousa son as persoas que a constitúen e que merecen o meu respeto sempre) ten que intervir está fóra de toda dúbida, pero permítanme polo menos amosar o meu escepticismo, derivado da exposición magnífica de lándoas ao respecto.
    Eu non estou seguro de que esta sexa a opción máis eficaz: creo que ten que haber unha resposta civil (por tanto, pouco académica) contra o que pretende facer Feijoo. A non ser que queiramos pulsar de que pé coxea a intelectualidade galega en casos extremos. Que tamén pode ser interesante.

  8. arume dos piñeiros Says:

    Sobre a miña campaña contra o bipartito, remito á bibliografía abundante de artigos explicativos da derrota do bipartito (algúns incriblemente ventaxistas) durante todo o mes de marzo. A morea de xente que non dixo nada durante catro anos e que pasou logo factura escandalosa foi abraiante. Os que criticamos certas políticas e advertimos diso hai tempo aínda estamos perplexos dos silencios doutrora e dos berros de hogano. E xa non falo do escaso eco que tiveron as nosas críticas, por non parecer demasiado soberbio.
    Pero basta remitirse a senllos informes de BNG e PSdG (algúns rozando a autoflaxelación) postelectorais para mirar que coinciden co argumentado por min durante este tempo en que facía ao parecer campaña [“Así e todo, hai que subliñar que se as eleccións se chegan a adiantar ao outono, o PP non gaña”, di Beiras en Vieiros: iso dixen eu en primavera e hai resposta dabondo contra esa miña opinión].
    A principal campaña contra o bipartito fíxoa o bipartito, como eles mesmos recoñecen.

    Nota: asistirmos estes días ás leas internas de ámbolos dous partidos permite entender que nin eles mesmos estaban de acordo co bipartito. (Vid. Noqueira, Camilo, Dura aprendizaxe, Vieiros, 3/2009))

    E, xaora, no he de callar por más que…

  9. arume dos piñeiros Says:

    Verbigratia: Beiras hoxe en Galiza-hoxe.

    O sábado houbo Consello Nacional. O EI opúxose a que Quintana faga un discurso de inauguración da asemblea…
    Non é así. Eu son irmandiño e nin estaba no momento. A comisión organizadora da asemblea tratara o asunto e tiña unha posición que foi a formulada. Eu estou de acordo con que unha persoa que foi portavoz nacional do BNG durante todos estes anos, debe de poder falar nunha asemblea. Sempre defendín que non se fixese con outros o que se fixo conmigo, que me trataron como un tarro de iogur que botas ó lixo. Os que agora tanto din que nós vetamos que Anxo Quintana falase, o cal é mentira, deberían recordar que posicións tiveron cando houbo problemas comigo. O que había era un acordo sobre que unha cousa é unha alocución breve ó comezo e outra é un discurso no medio do debate, sobre todo cando hai unha opción determinada que foi promovida polo que se chamaban os quintanistas e que xa ten portavoz. É xenial que agora se diga que somos os do EI os que vetamos. Nós non facemos veto a ninguén e ademais eu non podo facer ningún veto sen caer en contradición coa miña propia historia. É a unha maneira de intentar marear a perdiz ou despistar a xente facendo aparecer, de súpeto, ó EI, que foi o que loitou por abrir o BNG, como un grupo que quere silenciar a outro. Pero isto que é? A que xogamos? Esta é a maneira de recuperar a confianza recíproca? E o mesmo pasa cando falan de pactos coa UPG e nós fomos os que sempre dixemos que de pactos nada e non pactamos, dialogamos.

  10. i (gor) Says:

    Senhor Lándoas, e se nom fala… quê fazemos? Qual é a leitura que temos que tirar do seu, mais que provável, silêncio?

  11. Anonymous Says:

    Desde logo o que non faremos é aplaudir o club privado AGLP.

  12. i (gor) Says:

    Anónimo último: nom sei o quê entende por “clube privado”, mas a RAG nom é, com certeza, um centro social com entrada livre e gratuita. Mesmo que escreva vostede livre com b.
    Mas como di o dono da taverna, nom falavamos agora disso.
    Eu só perguntava quê era o que tinhamos de fazer se a RAG nom falava. Tal vez seguir acreditando na sua utilidade como se nada?

  13. Lándoas Says:

    I(gor), un pracer saudalo de novo por aquí. Observo que o asunto da Academia ten para vostede, como para min, algo especial, porque outras veces que o toquei no blog creo que tamén participou con algún comentario. Paréceme ben, desde logo.

    Eu non reverencio a Academia. Experimento por ela só un respecto relativo e teño a certeza de que pode e debe ser máis útil á sociedade, tanto nun sentido estritamente técnico como nun sentido social e cultural. De modo que reafirmo o que noutras ocasións formulei: a miña crítica ao que se fai e ao que se deixa de facer. Fóra diso, son moi consciente do valor simbólico que a RAG posúe para unha parte dos cidadáns e cidadás do país, mesmo para un sector acaso non tan menor dos que non falan galego habitualmente e/ou non teñen unha conciencia lingüística formada.

    Que facemos se a Academia non fala? Pois nada. Tomar nota. Igual que cando no pasado algúns membros significados dela contemporizaron por activa ou por pasiva coa política lingüística e cultural do alcalde Francisco Vázquez. Tomar nota e probabelmente rebaixar a nosa avaliación sobre iso que denominamos utilidade.

    Persoalmente, pois, non espero nada en particular da Academia Galega neste momento. Só manteño viva a esperanza de que a maquinaria de resposta ao programa lingüístico do PP comece a moverse. E espero que o faga por todas partes e en todos os niveis sociais, incluídas as institucións que desde o punto de vista funcional e tamén simbólico representan algo no país. Se ademais diso a Academia decidise nalgún momento abrirse de verdade á pluralidade e renovase en profundidade estruturas e composición, sendo igualitaria en materia de xénero e incorporando cun sentido civil a diferenza talvez vostede mesmo concedese algo no debate sobre a súa utilidade social. Claro que se a Academia fai algo semellante a iso talvez deixase de ser o que é (aquí e en calquera outro lugar).

    En relación con todo o anterior, xa para ir rematando, engado que a min non me abonda nin con xestos máis ou menos oratorios nin co pronunciamento individual deste ou daquel académico. Debaten arestora os académicos sobre a nova situación creada pola ofensiva contra a lingua? Non podo imaxinar que non o fagan, pero si podería crer que exista unha maioría que controle os tempos da reacción e extreme o sentido da prudencia até o límite nefasto do entreguismo cultural e político.

  14. Pet Sounds Sucks Says:

    Lándoa refírese ao feito de que a Academia -e a fábrica de pratos de Isaac Díaz Pardo- asinasen conxuntamente a maioría das notas con abaixoasinantes do concello da Coruña durante os mandatos de Francisco Vázquez. Así e todo, eu espero máis de Xosé Ramón Barreiro que de Ramón Villares. Por poñer un exemplo, vaia…

  15. Henrique Says:

    concordo co desiderátum, mais dubido moito que dean un chío. A Academia non está para estas cousas tan terrenais, o deles é o desbarre sobre o sexo dos anxos

  16. lándoas Says:

    Conchó, PSS! Agora resulta que tamén teño glosadores, alén de representante, eséxetas e clube de fans. Isto si que é un accessus ad auctorem!