Raptar a realidade

 Exactísimo hoxe Suso de Toro na súa columna de El País. Titúlaa “Fuera piel de cordero” e nela describe con precisión os operativos mediáticos do nacionalismo español en relación co Estado ben entendido, que como ocorre sempre nesa esfera arrinca cunha precisa planificación dos usos da linguaxe. Sempre a manipulación comeza por aí, xa se sabe. Primeiro é o dominio da linguaxe e o sometemento previa caricaturización dos enunciadores de mensaxes contrarias ou simplemente diferentes, despois vén o resto, até a claudicación de calquera outredade, até a asimilación de toda diferenza, até a comuñón confesional e única nalgúns principios morais e políticos emanados de quen sabe que cloaca dos poderes de sempre.

 Insistirei en algo postulado noutros momentos neste mesmo lugar: un dos compromisos colectivos básicos que ten por diante todo aquel que se sinta demócrata é axudar a sacar á luz con rigor e sobre todo con eficacia política o secuestro da linguaxe por parte de quen prentende anularnos, algo que comeza por ser sempre un secuestro da razón e un secuestro da realidade.

 O encontro de tres nacionalistas na COPE esoutro día constitúe unha manifestación meridiana de como se monta unha realidade paralela fundamentada na falsificación dos feitos. Entre Pedro J. Ramírez, Federico Jiménez Losantos e un Alberto Núñez Feijóo tacticamente reducido pola corveira COPE a labores de palanganeo radiofónico (e alá el se iso colma o seu ego e a súa folla de servizos) argallaron unha retórica na que unha vez máis se promoveu a confusión entre dominados e dominadores, entre vítimas e vitimarios, entre dereitos e abusos, entre o caos e a lei. Basicamente por referencia á lingua, aínda que non só, porque no mesmo paquete se meteu o asunto do parque móbil e todo o resto de contas do rosario desta xente pía.

 Reitero máis unha vez a cerna do asunto: hai que retar a quen sexa, incluído o actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e naturalmente o presidente do goberno, a que nos sinale un só caso na escola galega dos últimos vinte anos no que un neno ou unha nena que no momento de ingresar en Ensino Primario tivese como lingua inicial o castelán modificase por factores sociais, institucionais e ambientais referidos ás estruturas escolares esa opción de uso lingüístico en favor do galego. Déannos un só caso, un só caso que contraste coa realidade esmagadora que dá conta real do proceso inverso, o único que existe, o único documentado: o dos nenos e as nenas que empregando no ámbito familiar e social a lingua galega mudan esa opción tras un par de anos de escolarización (incluso menos tempo en zonas urbanas ou nas vilas). Déannos un só caso de nenos ou nenas que á porta da escola se despidan dos pais en castelán e regresen a casa un curso ou dous despois saudándoos en galego, pedíndolle auga á nai ou ao pai en galego. Un só caso!

 De modo que iso que se recolle na nota da COPE sobre o compromiso de Feijóo para a “reposición de los derechos civiles en los colegios” é un insulto intolerábel á verdade e á intelixencia. O Estado funciona, abofé que funciona cando se trata de impor a idea de que España segue a ser unha. E isto sabémolo requetebén todos, incluídos os tres tartufetes da tertulia matinal do 28 de abril na COPE, os falsificadores da FAES e os seus adlátares, os catedráticos de Dereito Constitucional, os editores dos grandes medios centenarios galegos e o bispo de Compostela, nacionalistas de ben todos eles.

 E un derradeiro apuntamento. Núñez Feijóo é moi libre no plano individual de decidir a quen serve. Nós, as cidadás e cidadáns de Galiza, temos a obriga de lle lembrar sen tregua que alén de chamarse Alberto e ter uns ideais e uns gustos persoais é o presidente do goberno do país e que por dignidade institucional non pode ocuparse das palanganas que lle poñan nas mans en público individuos como Federico Jiménez Losantos.

 [Jiménez Losantos, vocalista]

4 ResponsesRaptar a realidade to “”

  1. apicultor Says:

    Plenamente de acordo con Suso de Toro e, como non podía ser doutro modo, con Mr. Lándoas.

    Pouco substantivo se podería engadir, abofé.

    Saúdos.

  2. arume dos piñeiros Says:

    Non sabemos agora máis do que sabiamos hai xa bastantes anos atrás. Que sexa un montaxe, unha crúa manipulación, unha usurpación da realidade non muda un ápice a súa eficacia.
    Desmontar esa fraude propagandística é tarefa tamén emprendida desde hai moito tempo, con proporcionado escaso éxito. Non é cousa nova de SdT. Polo tanto, algo hai que facemos mal e eles fan de pm. Iso é o que debe interesar: non tanto a requeteconfirmación do que parece diáfano e claro desde hai tempo. O que leve escoitando a COPE (eu, ao revés dos meus amigos que precisan escoitala para encendelos, nunca a escoito) ou lea os editoriais e portadas de EL MUNDO (engádanse os casos da LVG, se se quere) verá que calquera noticia relacionada coa lingua é inmediatamente exposta como casus belli, como agravio ignominioso. Non é de agora mesmo.
    A suposta novidade é a presencia de ANF entre os oficiantes: pero, coñecendo ao persoal, tampouco debería sorprendernos. Isto é o que hai. Triste ou indignante, pero iso é o que temos.

  3. Anonymous Says:

    Sr Lándoas, aínda que os informados seguidores dos seus escritos xa o saberán, non estaría de máis lembrar que, nos antigos lupanares, o palanganero era o encargado de levar auga quente e toallas para distinguidos clientes despois ( e antes ) do fornicio.

    Era considerado o oficio máis vil, por suposto.

  4. cãosemdono Says:

    Feito o diagnóstico e comprobado empíricamente polos feitos, agora cómpre organizármonos fronte a estes auténticos terroristas da palabra para darlles a resposta oportuna. Sabemos positivamente que estamos a asistir a unha nova volta de torca, a un novo chanzo do proceso involutivo que inaugurara, vicisitudes á parte, a dereita española históricamente xa dende os tempos da transición, da man do franquismo sociolóxico que pervive da man dos seus cachorros. Sí, coñecémolos ben.

    É tempo de organizármonos e resistir con todo o arsenal cívico á nosa disposición. Que aínda é moito.

    Ben por Suso de Toro.