Insuficiente

Insuficiente, señor Presidente. Algo é algo, pero resulta escaso e sobre todo semella transferir a agresión a unha especie de entidade escura, innominada, allea a nós. Cando non. O oitavo pasaxeiro está aquí. Témolo na nave. E ten nome. Evite, pois, o pronome impersoal e repita comigo: Vostedes, inimigos da lingua…! E logo engada o que preferir, segundo criterio propio ou, mellor, segundo a pertinente análise e unha declaración colexiada da totalidade dos membros da Academia. Porque, reitero algo repetido neste foro, debe ser a Academia quen fale. Enteira, íntegra. Co rigor e a solemnidade que o caso demanda. Tendo as leis e a historia, non os sentimentos agora, por referencia. A xente precisa esa intervención. E a vostedes non lles quedan moitas oportunidades máis para falar. Isto, o que Feijóo pretende activar en conivencia con outras segundas persoas de plural que tamén hai que aprender a verbalizar, vai moi en serio. Non hai espazo para a frivolidade nin para a inacción. Moito menos para algunha clase de temor contábel.

[Xosé R. Barreiro, presidente da Academia Galega. Fotografía de Amador Lorenzo, hoxe en Xornal de Galicia]

1 comentario perdido no proceso de mudanza

Anónimo disse…
Quen di a RAG, di USC. Habería que ver canta xente está disposta a arriscar algo polo idioma en vez de llelo esixir aos demais.
13-05-2009 0:23

 

11 ResponsesInsuficiente to “”

  1. albixoi Says:

    Asumo ao cento por cento as súas palabras. O Presidente da RAG debe condenar xa.

  2. Un lector Says:

    Tamén a min me parecen moi insuficientes as palabras do señor Barreiro. Han deixar que nos esmaguen con esa queixa tan discreta? Moi ben,Lándoa, o seu post é un exemplo.

  3. louro Says:

    creio que o que nós percebemos como insuficiência, mornura e discreçom na mensage e na postura de Barreiro e da RAG, em realidade, é parte da homenage que se lhe está a render a Ramón Piñeiro no seu ano de póstuma glória.
    afirmar qualquer outro tipo de posicionamento, assumir com todas as conseqüências (partidárias, institucionais) o significado político de defender a língua galega suporia para a RAG, talvez, umha deslealdade e umha falta à memória do homenageado.

  4. Xaime Says:

    amig@ louro: dame a impresión de que está completamente equivocado ou confundido.
    Se estivera equivocado, nos feitos e no futuro terá a solución.
    Se estivera confundido, lamentablemente é cuestión de información e celebraría que non falara con tanta lixeireza de algo que non lle consta nin é así, a pesar de que como afirma Lándoas a RAG amósase neste momento en que había que ensina-los dentes, demasiado tibia, morna como vostede con acerto di.

  5. Anonymous Says:

    Ten toda a razón, señor Lándoa. Pero hai que ter en conta que até o de agora ningún, ningún!!, dos presidentes da RAG, incluído o señor Barreiro, normalizou no ámbito doméstico o galego como lingua da familia.

  6. louro Says:

    Amigo Xaime: crea-me, no meu comentário nom havia tanto equivocaçom ou confusom (que algo disso haveria tamém, nom o duvido) como umha malíssima intençom. perversa e deslegitimadora.

    é-lhe o que me sae cada vez que me ponho a falar da RAG, de X. M. Barreiro, de R. Piñeiro e da falta de audácia para antepor o debate, a discusom e o risco intelectual à fixaçom de consensos. prudentes consensos que, de tanto medir a distáncia da cordialidade, acabam por resultar mornos, insignificantes, inútiles.
    um saúdo.

  7. Xaime Says:

    Amigo Louro: Como sempre nesta casa, élle ben agradable recibir respostas tan lúcidas, polo que o felicito, pero como son lugués e algo turrón, descarto que estea confundido e so unha miguiña equivocado.
    Como lle dixen so nos feitos e no futuro terá a resposta e non se deixe levar polo instinto, que é mal compañeiro e rima con Rioxa segundo as regras desta fiestra.
    Saúdos tormentosos ca que está caendo.

  8. arume dos piñeiros Says:

    A Real Academia Galega (RAG) expuxo este martes un manifesto, baixo o lema “Unha lingua de todos”, onde animan os responsábeis do novo Goberno a escoitaren e decidiren á beira das institucións que, como a propia RAG, “veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos”. Nesa liña convidan á procura dun acordo social integrador, “a prol do uso a dignidade e a continuidade do idioma”, que deberá sustentarse en catro principios básicos:

    1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.

    2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes das novas tecnoloxías.

    3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).

    4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá.

  9. arume dos piñeiros Says:

    Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo
    a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente
    sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación
    histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel
    Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa
    cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do
    Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia
    Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos,
    que consideramos fundamentais.
    1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos,
    lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
    de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte
    consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
    colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das
    Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo,
    para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
    E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia,
    que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo
    que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.
    2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero
    tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
    comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non
    é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente
    o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
    a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o
    coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
    da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns
    dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
    certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos
    a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.
    3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos
    avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
    tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un
    cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
    polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa
    causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos,
    creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente
    estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
    gravísimas consecuencias para o futuro.
    4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as
    actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente:
    un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na
    consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
    e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de
    recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
    O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus
    falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
    e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.
    5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica
    típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos
    informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o
    uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
    avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
    de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a
    manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen
    o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que
    parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.
    6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza
    da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades,
    para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na
    escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
    coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa
    o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
    capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
    do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua
    vehicular doutros coñecementos na escola.
    7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas
    a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos
    de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando
    as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística
    non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
    a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu
    recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
    orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de
    comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a
    publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza,
    a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes
    de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria
    nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e
    avivar todos os sectores que configuran o corpo social.
    A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as
    polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo,
    ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
    aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras
    decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas
    desprotectoras da lingua galega.
    Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións
    que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
    metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador,
    a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
    en catro principios básicos:
    1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
    partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para
    acadar o seu pleno uso normal.
    2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura
    potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
    (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse
    a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
    das novas tecnoloxías.
    3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral
    de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
    por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
    (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
    4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica
    dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan
    dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma
    de acadar a igualdade cidadá.
    Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario
    queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente

  10. arume dos piñeiros Says:

    Faltou este fragmento final: desculpas.

    “que a lingua galega
    non é un problema, senón unha oportunidade.”

  11. Un lector Says:

    Obrigado, Arume! Creo que o manifesto da RAG debe ser divulgado de todos os xeitos que teñamos ao noso alcance. Velaquí o enlace que ofrece Vieiros:
    http://www.vieiros.com/media/vieiros/manifesto-rag.pdf