As (c)idades do (c)ego

ac-por-map-1973eu-lalia

 

“Avec le temps”, o poema de Léo Ferré, que vai na banda sonora desta semana, aí na columna da dereita, cantada por el mesmo, por Jane Birkin e por Abbey Lincoln. Tres versións moi diferentes, ou pode que non tanto, porque nelas, como en toda performance, o que nos informa, conforma, deforma, transforma… é un torbón de signos, algúns deles, moitos, alleos por completo a calquera propósito de quen supostamente di, de quen se dirixe en aparencia a nós, a ti, Abbey Lincoln por caso. Penso desde logo nas fotografías que alguén subiu a YouTube xunto coa música.

Ai, ai, ai…! A banda sonora da semana, a BS!, que neste lapso entre Lándoa e Lándoas, algo longo de lesbos por razóns técnicas e biográficas, o artífice foi descubrindo que en realidade era o único que a parroquia botaba a faltar. Non era a letra, ca. A música era!, algo do que confeso ignoralo todo. Só polo corpo e non pola ánima o queren a un. Así foi (animula vagula blandula / hospes comesque corporis…) e así será.

Non lembro agora mesmo se no blog anterior a este era eu algo máis novo. Coido que daquela adoitaba esquivarme como asunto, como obxecto, como subject. Ou polo menos facía como de quen, expresión esta moi da miña infancia por certo. Entón que? Quizais pola fundación da rede de fans que con clamor se anuncia (faime enorme graza o uso desta palabra —clamor— en determinada prensa, poñamos La Razón, poñamos El Correo Gallego cando se postula máis local que adoito) en Facebook tras un post recente ponderado amicalmente por Nubosidade (conceptualizadora exacta da pijocracia que quece motores sobre a moqueta de San Caetano)…, quizais porque o blog novo comece con perigo a literaturizarse (i.e., a narcisificarse?)…, quizais porque somos moitos os que convivimos nun nome e o nome xa nos vai ficando estreito… Quizais era máis novo e le temps s’en va. E pode que por iso poña hoxe estes recordos gráficos de 1973, de 199o, de 2002. Un retrato que me fixo Migueliño (Miguelanxo Prado; digo isto e xa me piden as neuronas contar algo daqueles anos); unha das primeiras fotos que me fixo Marga no piso da Rúa Nova, sobre os tellados do mundo (digo isto e xa me falta tempo para poñer unha foto memorábel dela fumando —miña dela—que nunca vou poñer); un autorretrato en espello, de tantos que van, e no que pode apreciarse que nas súas orixes programáticas o Círculo Semiótico de Vite foi en realidade apenas Lingüístico e cun punto de allo-simulador metafórico dos globechos que a banda deseñada emprega para significar pensamento non articulado en linguaxe audíbel, hoxe corrixido (o allo, o pensamento) porque os tempos son ben máis glamourosos nese bairro de Compostela chamado Vite. Esta fotografía, tomada nun baño embutobutoxa na casa actual, arriba do que era a Cal das Barras, foi no seu día un envío para Helena González despois de conversas que tivemos naquela altura pola Concha e o Kursaal, en Donostia, nas que ela me afeaba o corsé teocom que entón usaba eu por baixo da camisa (o século nacendo). 

Xa que logo, amiguitos e amiguitas, como exercicio de reflexión para a finde propoño isto: Comenta nun máximo de 300 palabras se o que di o cabrón de Ferré sobre canas, esquezos, cabalos, rostos, distancias, alteridades, esgotos, amores, hipotecas, morte… è vero ou se simplemente è ben trovato. Recoméndase non deixarse levar polos movementos faciais —ollos, arcos ciliares e zona labial sobre todo— de Ferré, un ichó para sensíbeis, como en xeral o é sempre a lingua francesa.

[Lándoas, as tres idades, ou tal]

One ResponseAs (c)idades do (c)ego to “”

  1. Rue Valette Says:

    Enténdese perfectamente que se lle escapara das mans o asunto e que, xa sen remedio, ese clube de fans… Así é todo non debería trivializar o problema e resolvelo en falso, a ver se vai rematar sendo esto dun tal Artemio Vázquez, ese xa ineludible apelido co que se abren e disque tamén se pechan etapas (?). Digamos polo tanto que o que non interesa é a ánima sen o corpo e que, polo que se vai vendo, novamente se van xuntando. Créame, se pola ánima fora, xa aí lle están a de Raquel Welch ou a de Sophia Loren, mais nós tamén pedimos corpo, si, tamén.
    Sei que non se me entende nunca ben porque me explico mal, pero tamén sei que nunca tan clariño me dixen. Chupado para un integrante/intrigante do Círculo de Vite.
    Parabéns por ilo re-facendo e estirando (ou por ser cara a dentro debería dicir encollendo? Mellor abrindo, abríndose-nos?). Enténdese o do clube, si.