Antoloxía consultada 1936

Saúdo emocionado a edición, por parte de Xesús Alonso Montero e Ana Acuña, dos materiais básicos que Xosé Filgueira Valverde xuntou a partir de 1935 para conmemorar o centenario de Rosalía de Castro cunha antoloxía consultada da poesía daquel tempo culturalmente glorioso, o da Segunda República. A riqueza informativa do volume e o propio proxecto de Filgueira, próximo a outros coevos noutras literaturas, demandan a maior atención lectora e constitúen un reclamo para calquera investigador interesado por aquela conxuntura histórico-cultural. O volume, coeditado polo Museo de Pontevedra e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales supera as 300 páxinas e incorpora respostas e (en case todos os casos) obra de trinta e dous poetas entre Eladio Rodríguez e Xosé María Álvarez Blázquez, pasando por Otero Pedrayo, Antón Zapata, Cunqueiro, Carballo Calero, Celso Emilio e outros nomes fundamentais daquel tempo. Todos de varóns, por certo.

O que haxa de exactitude na noción non sempre clara de “antoloxía consultada” aplicada ao proxecto de Filgueira Valverde ou ao de Fernández del Riego en 1955 é asunto para outro marco. A ausencia de diálogo, frecuente por aquí, entre o que se publica e o xa publicado a propósito do mesmo asunto cerra vías de debate e fai que algúns, só algúns, os menos preclaros, deban rebobinar e rebobinar carretes para complementar o traballo sen dúbida preciso e encomiábel de investigadores ou publicistas. Cousas das academias (reais, republicanas, nacional-populares…), quen o dubida? Por certo, ao fío deste xúbilo, case experimenta un a curiosidade por saber quen viría despois dos 26 poetas da Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, publicada por TrisTram en 2003, 712 páxinas, e que, obsérvese, incluía tamén ela a produción de Álvaro Cunqueiro.

3 ResponsesAntoloxía consultada 1936 to “”

  1. O Cabaleiro da Triste Figura Says:

    Sabio doutor Lándoas ou Casas: tres cousas a) en 1935 celebrábase o cincuentenario da morte de Rosalía de Castro, falecida en 1885, e non o centenario. Rosalía nacera en 1837, así que, en todo caso, celebraríase o seu 98 aniversario, caso de seguir viva; b) Paul Celan é irrepetible e, máis aínda, inimitable; c) o de ler por dentro, non o entendo. Que eu saiba lese por fóra, superficialmente sempre. Debaixo do grafo, como debaixo do rostro da amada, non hai nada, so a caveira e os vermes. Que llo digan os cirurxáns plásticos.
    Coa miña admiración de sempre.

  2. landoas ou casas Says:

    Carafio coa admiración! Grazas, Cabaleiro, con toda sinceridade. Resultan moi estimulantes as súas observacións, que, sen ánimo de rebatir nada, paso a comentar.
    O Seminario de Estudos Galegos encomendou a Filgueira en 1935, dous anos antes do centenario do nacemento de Rosalía, que comezase os preparativos para unha antoloxía en homenaxe á autora de _Follas Novas_. A idea era, en efecto, que o volume estivese preparado para febreiro de 1937.
    Celan é irrepetíbel, ben o sei. Non intentei sinalar nada contrario a esa idea cando falei do novo poeta.
    O de “ler por dentro” eu tampouco o entendo, esa é a verdade. Ou pode que si.

  3. lándoas » Arquivo do blogue » Cunqueiro fala sobre Colmeiro (Ourense, 1933) Says:

    […] texto. Tamén interesa ver as respostas de Cunqueiro a Filgueira en 1936 [seguramente fale aí da antoloxía consultada que Filgueira Valverde estaba a preparar por encargo do Seminario de Estudos Galegos]. Colmeiro figuraba entre as súas máis claras […]