Tactos da grafía

22_001-jouissance-productions-the-woman-who-left-herself-elenb-photography-sorcha-kennyresizeresize1

 

Hai quen non o entende. O pracer da escrita, que non hai motivo para pensar que deba ser menor cando se trata de dar forma ao pensamento, á análise, e non obrigadamente a iso que alguén denominou hai algún tempo beleza, elocuencia, ficción, arte verbal, poesía… nocións limitadas a miúdo nun sentido empobrecedor, estetizante, no peor valor que esta expresión posúa. En ocasións si que o é, si que é menor ese pracer, hai que recoñecelo; pero cando menos para quen aquí asina esa circunstancia resulta excepcional. O pracer de escribir calquera cousa parte xa da grafía, desta materialidade, deste tacto. E comparece case sempre. Iso é o estraño da doenza de escribir. Presentes tamén —pracer e grafía— cando non se usa de forma directa o papel e foi en realidade unha selección previa a determinante da ocupación do espazo polas palabras: tipos de letras, tabulacións, formato. Aquí, sen ir máis lonxe, nesta pantalla. Ou nun aviso para alguén, xa o teño dito. Nunha mensaxe trivial, calquera cousa. Ou nun ensaio longo. Nunha breve nota a rodapé. Nun recordatorio para nós mesmos (“Nota para o futuro *”, escribiu un día meu fillo * a propósito dun videoxogo, aparcado temporalmente aos 10 anos, que pensaba retomar cando pasase un tempiño). Todo iso… Tamén nun poema, claro está. Tamén nun poema, si, tamén nun poema. 

 

O blog é unha ferramenta extraordinaria de causar pracer para quen goce con esta inocencia sen consecuencias de xuntar sílabas e non dicilas en voz alta nun lugar con xente á vista. Todo queda a man para quen escribe. Xúntase e fica logo ao alcance dos dedos (o que non lle ocorre ao xornalista tradicional, por procurarmos agora un paralelo socorrido): o dito onte, o dito hai uns anos, o medio dito. Os ríos visíbeis e as correntes submersas das procuras e dos cruces de palabras, ideas, imaxes. Ao alcance dos dedos propios, diso estou a falar, de pel e tacto; porque a lectura allea aínda non existe nese momento que menciono, ás veces nin se prevé. Creo que nunca existe cando se escribe co propósito cabal de procurar o goce de concretarmos algo específico (sabido enteiramente ou non tanto) e logo xa se verá qué pasa con quen veña…

 

Hai quen non entende que alguén serio (non afirmo selo) diga e faga algo como un blog, perda así o tempo no espello alienador e serial, como nun ascensor de grandes almacéns no que un se contempla repetido, multiplicado, oco. A dimensión pública dese pracer e dese mostrar algo, que no blog alcanza un punto dificilmente superábel de autonomía como discurso, tamén como texto ou tecido preciso do que se quixo poñer, constituiría de seu unha inconveniencia para tal ou cal cousa… Do que se quixo poñer, insisto. Ou expresar, comunicar, activar…, de preferírense estoutros termos que supoñemos máis nobres. Ninguén enmenda, ninguén corrixe aquí no blog, ninguén suxire ou media… se un non quere. Nada entre o propósito autorial —sabido e prefixado ou non, ao xeito dun Poe e dun Auden ou un Montaigne (falamos disto hai pouco)— e a recepción inmediata por parte de quen agarda ou simplemente coincide que pasaba por alí. Nada? Nada que non sexa o encrucillado absoluto de signos no que respiramos, nada que non sexa a grella semiótica e imaxinario-simbólica das linguaxes e limitacións que nos constitúen, incluída a que permanece en cada un de nós na forma mínima dos monosílabos da caverna, os utilizados como berro de furia, de medo, de paixón… pola especie. Nada, agás todo iso, que nalgún sentido, si, o é todo. Todo e nada. Por iso hai tantos blogs nos que algúns dos considerados grandes escritores e publicistas esvaran, aquí e acolá. Ninguén lles pon no sitio correcto as comas das frases e das argumentacións. Ninguén lles tira un punto sobrante. Ninguén dita preceptos sobre gramática ou sobre semántica e mundos e estratexia. O pracer insuperábel do espello só para un, o narcisismo ao cubo, pensará alguén. A eficacia discursiva como responsabilidade só persoal, dirá outro. O mercado reducido a sensación, a onanismo intelectual… A hipóstase outravolta do concepto e da función autor, acusará displicente aquel de alí. O corpo a corpo retórico, digo eu. Eu, un pronome bastante persoal, si. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto aínda recorda. Non concordo cos moralistas que denuncian o pracer da escritura como indicio de malversación de algo ou como aburguesamento. Tampouco con quen considera que todo remate nese instante (pensaba que non sería preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Do oficio de escribir un blog nun país como o noso neste tempo.

 

[A fotografía, The Woman Who Left Herself, tómase da páxina Performance – Jouissance Productions de M-E Photographers]

 

2 ResponsesTactos da grafía to “”

  1. Rue Valette Says:

    Querido Artemio (dous puntos) evocoume gratamente a unha antiga amiga nunca de todo íntima chamada Inone, xa sabe, aquela dos espellos, da escritura, da privacidade, dos apócrifos, do corpo (biolentado ou non, ó xeito do señor Gober, por botar man de recentes suxestións)… Sigo crendo que nesta nova etapa chamada Lándoas medrou o territorio das palabras, medrou fundamentalmente cara a dentro. O público e o privado (o home na ventá da Praza da Quintana): centrifuguismo e centripetismo. Escribirse, que non describirse (ou tamén). E mentres remoe a miña única e limitada neurona toda esta perorata que deixo neste blog, neste país, neste tempo, zoa por detrás (e por diante) esta banda sonora, por pura casualidade: http://www.youtube.com/watch?v=d4iCqSWFfow. Si, ‘the river is moving / the blackbird must be flying’.
    p.s.: onde demo vou colgar o paxaro?

  2. Berenguela Says:

    /Despois de ler o postado/
    Sempre estiven rodeada de xente que escribía, enténdaseme, non escritores, non, non no xeito que concibimos esa palabra, non autores consagrados, autores literarios, novelistas, non, máis ben persoas para as que a escrita era un bo medio para se comunicar sen facer ruído, por exemplo cando durmías, e o soporte era o de menos, calquera cousa servía, non se trataba de estragar un folio enteiro para deixar unha mensaxe ás veces ben pequena, un fragmento do papel do paquete da fariña valía. Iso si, quedaba a nota convenientemente apoiada no froiteiro ou a se soster entre a cunca do almorzo e o bote de marmelada. Cumpría que a escritora tivese a certeza absoluta de que o seu texto ía chegar ás lectoras

    “Niñas, boy a la compra. Mama.”

    Logo viña a revisión lingüística: “Estaba bien escrito? Ya, ya me paresía a mí.”
    Na radio Marisol cantaba “Háblame del mar marinero”, resultábame moi triste.
    http://www.youtube.com/watch?v=Dl7XqIn54YQ