6 x 1

urna

 

 

 

Isto… Desculpen que insista, amigo Vázquez, amigo Lorenzo, amigo Feijóo, xa saquei o asunto o outro día. E non acabo de velo, con franqueza. Non acabo de ver por que razón o meu criterio a propósito do uso das linguas oficiais no ensino ten a sexta parte do valor que ten o criterio do Sr./Sra. X, el(a) con seis fillos en idade escolar e eu cun único fillo nesa situación?

 

A sexta parte, si. Porque a el/ela tráenlle seis cuestionarios da escola e a min só un (se mo traen, cousa que aínda non ocorreu). E logo, cando se faga o cómputo (porque eu créoos a vostedes e penso que si, que realizarán o cómputo), está claro que o criterio de X contabilizará seis veces máis que o meu, isto con independencia dos criterios respectivos de X e meu, que agora mesmo non vén ao caso tratar (ou pode que si, ou pode que si, he he…).

 

Podería explicarme alguén —insisto— por que debo contentarme con estas raras regras? Quen me ampara? O Valedor? Algún ministro? ZP, que hoxe recibe a Feijóo? O Constitucional? Santa Rita? Blanco Valdés, sempre tan recto e ecuánime?

 

Só isto, señores. Non entro noutras miudezas neste momento —e podería!—, pero iso penso humildemente que vostedes deben explicalo un pouquecho. Non? Á marxe, naturalmente, de que como xa explicaron vostedes isto é unha simple consulta, un chirifú de nada.

 

Claro que, reconsiderado o asunto, tamén podemos ampliar ese criterio a calquera proceso decisorio de xorne democrático. Por exemplo, nas comunidades de viciños. Ou nas comisións que interveñen nunha oposición para corrixir os tests dos opositores. Ou nas eleccións sindicais. Ou para elixir ao representante patrio en Eurovisión. Ou como norma de decisión no Parlamento Galego. Tes tres fillos? Votas tres veces na investidura. Non tes ningún? Pois non votas. Mmm… Interesante, interesante isto de ter tropa pequena na casa.

 

 

[Urna vella do terzo familiar]

 

 

2 Responses6 x 1 to “”

  1. Paseante Says:

    Moi ben explicado! Porque de que unha familia poida votar N veces, segundo o número de fillos, apenas se está a falar. Como tampouco dos que non teñen fillos, e da cidadanía en xeral, á que lle afecta, e moito, os resultados desa consulta.

  2. tamén son ganas de enredar Says:

    Sen entrar en detalliños, aínda que poder, podería. Porque unha por cada fillo/a e non dúas?
    Non era que o PP estaba pola familia como é debido tipo Rouco?, ah, xa, é para o cabeza de familia, e nada de familias desestruturadas, esa sseguro que a perden (a enquisa) nos recunchos das súas desordenadas vidas.