Falou o oráculo

rbv

Invístese de autoridade técnica e de inmaculada asepsia xurídica, pero o que elabora é un discurso plenamente ideolóxico, con moi importante carga de violencia simbólica contra quen considera os seus adversarios políticos. Estes son, a día de hoxe, segundo o que el mesmo se encarga de reiterar á mínima oportunidade, todos os que non comparten un ideario conservador e radicalmente nacionalista na defensa da identidade e da esencia española, entendida esta nun sentido ahistórico e, nos seus fundamentos xurídicos, claramente preconstitucional. De modo que o noso constitucionalista está desconstitucionalizado. 

 

O seu programa é ultraconservador en cuestións sociais e políticas. Ten pleno dereito a emprender esa ruta, desde logo, e a facelo con teimosía e cegueira xurídica; ou, noutro plano, servindo os intereses que serve. Pero non ten dereito ningún a concretar un día si e outro tamén un intolerábel e perverso ideoloxema, xermolo potencial do autoritarismo máis perigoso: “Os que non pensan o que eu penso son violentos e exercen con violencia a súa intervención política”. Isto é o que Roberto Blanco Valdés di hoxe na súa columna de opinión. Iso é o que di unha e outra vez. E iso é inadmisíbel.

 

Os trucos para manter tal liña de argumentación son intelectualmente obscenos e, porén, bastante eficaces en relación co nivel medio de formación dos lectores dun xornal como La Voz de Galicia. Isto é o que a min me preocupa. O certo é que non teño interese ningún en polemizar no plano persoal con Blanco Valdés, o que me parece urxente é contribuír a parar esa maquinaria criminalizadora de todo o que se sitúe uns centímetros despois da socialdemocracia galeguista. No artigo de hoxe, por exemplo, fala de “auténtica intifada” para referirse ás moi cívicas e pacíficas accións de protesta contra a consulta a pais e nais argallada polo Goberno Núñez Feijóo. Tirou alguén aquí algunha pedra? Deixando agora á marxe o valor semántico que este home outorgue á palabra, como se atreve a falar de intifada? A min paréceme que o seu discurso si é violento, porque forza de vez a verdade e forza seguido a realidade, a que está aí fóra, na rúa, no mundo laboral, na convivencia cotiá. Iso si é tirar pedras: tiralas desde a súa posición de constitucionalista e de algo non desemellante ao rol de editorialista do xornal no que publica. Por iso falo de violencia simbólica, por equiparacións como a de hoxe, cando afirma que a normalización lingüística non é máis que “el cambio, mediante la imposición, de los hábitos lingüísticos de la sociedad”. Isto si é violencia e, alén diso, creo que constitúe unha mostra bastante pura de cinismo social. Pero o máis relevante é que converte en criminais, ou en algo moi próximo a iso, a todos os que interpretan i) que o castelán ten en Galiza unha posición de superioridade abrumadora sobre o galego na práctica totalidade dos usos institucionais e no uso lingüístico por parte de instancias dos distintos poderes actuantes na vida pública e ii) que os falantes de galego se ven a diario na obriga de facer cesión dos seus dereitos constitucionais para manteren a través desa renuncia a paz social e un mínimo de sosego persoal. 

 

Asemade, Blanco Valdés auspicia coas súas palabras a conversión en sospeitosos de non-se-sabe-que de todos os que empregan a lingua galega para estabelecer unha comunicación interpersoal ou social. O ideoloxema de base é simple: falar castelán e defender a súa hexemonía é natural, falar galego é defender a súa normalización como lingua de comunicación é político. Asociado a isto, na práctica discursiva deste columnista é relativamente usual introducir algúns termos en lingua autóctona. Un día un por aquí, outro día esoutro por acolá. Fáganme un favor: sigan eses usos e intenten detectar a súa fundamentación pragmática ou performativa. En termos menos técnicos: fíxense en que circunstancias mete algunha palabra en galego no marco da súa argumentación. Descubrirán que a norma non tan oculta é bastante sinxela e que de novo obedece un patrón ideolóxico reaccionario, promotor da subalternidade da que o vixente Estatuto define como lingua propia do país. Aí vai completamente da man co patrón Rey Fernández-Latorre e o sostén do autonoxo que pagamos cada un de nós cos nosos impostos co destino ficticio de normalizar o uso do galego nos medios de comunicación. Prevaricación e cinismo todo revolto. De novo o intolerábel asumido e aceptado por case todos. Por unha maioría, aquí si, pois nada efectivo se fai para conseguir que esa vergonza remate.

 

O furibundo nacionalista que é Roberto Blanco Valdés interpreta ademais, día si e día tamén, que en Galiza existe algo semellante a aquela maioría natural da que falaba Fraga Iribarne. E iso é tamén falso, rotundamente falso. O pobo falou o 1 de marzo, acéptese. E curiosamente para naturalistas como Fraga e como Blanco, a maioría social (real) non coincidiu exactamente coa maioría natural (suposta), porque houbos máis votos á esquerda que á dereita (poucos máis, si, pero máis), por usarmos eses termos que favorecen que nos entendamos e que, en realidade, son parte constitutiva da ficción política que, de novo con violencia simbólica incesante, publicistas como Blanco Valdés contribúen a manter activa desde posicións moi poderosas para a conformación e control da opinión e do espazo públicos (“El ojo público”, rotula sen rubor o columnista a súa colaboración, tamén aquí disfrazando de criterio o que adoita ser simple doutrina).

 

Por último, Blanco Valdés, con contumacia talvez efectista pero de novo intelectualmente reprobábel e eticamente abeirada á infamia,  insiste en considerar que toda acción política contra os seus intereses de clase ou contra as súas crenzas políticas ou académicas obedecería a unha planificación en mans dun extremismo que identifica coas siglas BNG, o cal convertiría en satélites e autómatas só aptos para a consigna a todos os que nos declaramos contra a concepción do Estado que este constitucionalista menor defende con visceralidade, falacias e vellos trucos sofísticos, un deles pensar que os que discrepamos somos minoría activa mentres que el e os seus (os seus lectores, o seu patrón, os seus correlixionarios…) son a maioría silenciosa, segundo o título da súa columna proclama hoxe. Era boa!

 

  [Roberto Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia e catedrático da USC]

 

 

9 ResponsesFalou o oráculo to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    De todos os artigos que RVB escribiu sobre este asunto o de hoxe é o máis feble de contidos e argumentacións. A postura clara que adopta sobre a ilegalidade ou inconstitucionalidade que supoñen as leis aprobadas por unanimidade no Parlamento de Galicia pode ser discutible, pero parece razonable habida conta de que procuran unha discriminación positiva ao respecto. En toda acción política coma esta, a igualdade de elección non se produce. Non estou a falar do decreto, senón da lei de Normalización Lingüística que é onde se institúe ese pequeno apoio ou pulo a maiores da lingua galega, necesitada de tales axudas.
    Esa decisión foi adoptada en sede parlamentaria: non en plebiscito, pero non nega a lexitimidade democrática á decisión adoptada no seu momento. Por iso sorprende que Blanco Valdés negue ao final do artigo a lexitimidade da lei porque parte do que el chama unha “gratuita presunción”. A “gratuita pretensión” é nada máis e nada menos a unanimidade na cámara. Que iso non sexa suficiente será discutible, pero en réximes democráticos, mentres non haxa outras iniciativas, a palabra unánime do parlamento non é pacata minuta.

  2. X.L. Says:

    Tén toda a razón, amigo Lándoas. Este persoaxe que pretende facerse pasar por un analista riguroso e cheo de sentido común, é, en realidade un referente dos que fomentan o odio a todo o que cheire a defensa dos intereses nacionais e lingüísticos de Galicia.
    Se os escasos militantes do BNG, coa súa escaseza de medios fosen capaces de desenvolver a actividade conspirativa e antidemocrática sostida que obsesiona ao señor BV,estarían a piques de asaltar os palacios de inverno como os bolcheviques de Lenin (que tamén eran os minoritarios).
    Aquí non hai cidadáns que padecen, son sensibles ou teñen unha visión propia de determinados problemas políticos. Aquí hai un grupo de radicais incendiarios que pretenden romper a paz social con métodos que están fóra da lei, bordéana ou, cando menos, son condenabeis moralmente.
    Cando se celebrou o Correlingua de este ano, con gran participación de alumnos nunha manifestación festiva, reivindicativa e alegre, organizada polos centros, avalada polos pais e absolutamente voluntaria, ao señor BV encendéronselle as alarmas e acusou a “os de sempre” de manipular aos rapaces, equiparando aos profesores e organizadores cos dirixentes do Frente de Xuventudes ou dos Pioneiros Roxos. E cales eran as consecuencias de tan terrible manipulación? Que os rapaces saian un día á rúa para expresar dun xeito lúdico o seu aprecio pola malfadada língua galega. Abominable crime! Un alumno galego póde facer xornadas pola paz, polos dereitos humanos, contra o racismo, pola igualdade de sexos, contra as drogas pero, coidado con tocar o tema da lingua! Eso é fomentar nel o radicalismo e a xenofobia.

    No seu comentario de hoxe na VdeG fai unha formulación alucinante:
    Ante a consulta aos pais, promovida polo conselleiro de educación, non se xustifica, según BV “ …la auténtica intifada organizada contra ella por el BNG y todos sus satélites en el mundo cultural y educativo, acompañados de nuevo en este tema, por la triste comparsa que forma una dirección socialista a la deriva.”
    Outra vez a obsesión co Bloque e a súa admirable virtude de ubicuidade, que tería como fin intentar manipular e impedir a consulta, contaminando, coa súa influencia, toda a comunidade educativa.
    Pero a verdade verdadeira é que algúns dos que levan a cabo a máis importante denúncia do procedemento e as súas intencións, son os Equipos de normalización lingüística dos centros.
    E quen son estes Equipos de normalización lingüística?
    Pois un dos organos oficiais de funcionamento dos centros, de obligada creación, tan legais como os mesmos equipos directivos , Consello Escolares, Claustros, Comisións Pedagóxicas, etc.
    E cales son as función destes equipos de Normalización?
    Entre outras , lograr unha valoración positiva do uso da lingua propia e mellorar a competencia lingüística da comunidade educativa (literal).
    Porqué se impide que estes organos exerzan a función para a que foron creados?

    Que o señor BV e o mesmo conselleiro de educación consideren estes Equipos de Normalización Lingüística (ollo co nome!) como axentes da intifada promovida polo Bloque, cando, en realidade, foron creados por lei e teñen un funcionamento perfectamente regulado , entre o que esta o fomento do uso e a posta en valor do idioma galego, é algo que debería ser explicado.
    Non e todo esto unha utilizacion perversa dos instrumentos do poder, poñendoos ao servicio dunhos intereses espurios?
    Porqué se impide o debate e a libertade de expresión nos centros?
    Eles e nós sabemos a resposta!

  3. xavier Says:

    Simplemente chapeau. Pola análise -coa que concordo- mais sobre todo pola valentía. Exercer de cidadán non sempre resulta fácil. Grazas

  4. anónimo Says:

    O oráculo vociferante que conta co medio de propaganda máis potente, pretende facerse pasar pola maioría silenciosa.

  5. Xaime Says:

    De todos é sabido que Blanco Valdés arrógase un protagonismo constitucionalista en Galicia, como no seu día se arrogou Savater no País Vasco e o dúo Carreras-Espada en Catalunya. Temos dito que son irrefutables xuridicamente os argumentos de BV, en relación a moitos dos temas que examina, pero sempre falla por que involucra a súa propia ideoloxía no éxame ou na pericia.
    Claro que se pode modificar un Lei aprobada por unanimidade nun Parlamento, faltaría máis, pero o argumento de que se derrogue por unha nova maioría saída dunhas furnas non basta se non agochara una estratexia política detrás, sobre todo cando compareces ante o electorado dicindo que o primeiro que farás será regular novamente o tema da língoa. Joder, perdón, e danche a maioría, aviados imos.
    Non teño moi claro que BV, subscriba o ideario de Galicia Bilingüe, xa que me consta que contrariamente o que se pense él non ten nin un só problema co galego, pero sí contra quén o utiliza perversamente como arma política.
    Non me negarán que se pode ulitizar o tema da lingua como arma política, e se se pode usar tamén se pode utilizar perversamente.
    Faltanme datos para poder aceptar que a esquerda nacionalista non estea usando o idioma como labor de oposición, e teño as miñas dúbidas de que sempre se estea intervindo por delegación de algúen cando ninguén che concedeu a representación e eu, xaora, me nego a que no tema da lingua que sempre pensei que era un tema pasado, alguén fale por mín.
    Sei que non son ortodoxo, máis ben, non sei o que son e se me poderá tildar de diletante e vaporoso, pero neste eido de liberdade que sostén Lándoas exprésome tal e como o sinto, aínda que estea equivocado.

  6. albixoi Says:

    Subscribo cada unha das súas palabras. Alguén tería que lle parar os pés a este home.

  7. Paseante Says:

    Señor Lándoas, o seu post merecería ser divulgado en cada unha das rúas das cidades e vilas de Galicia. É excepcional a súa análise. Noraboa!
    Achego un dato máis, extraído do libro “Estatuto xurídico da lingua galega” (AA. VV., colección Xerais Universitaria, 2005; páx 33): “a sentenza do Tribunal Constitucional 337/1994 avala un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai precisa unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado.” O malo de BV é que, como a Savater, non lle gusta a Constitución actual.

  8. Falou o oráculo | O paraugas Says:

    […] Arturo Casas, Lándoas, marxes de texto (17/06/09) […]

  9. suroeste Says:

    Considero moi atinado o comentario de X.L. O gran problema da Consellería de Educación é que o señor conselleiro non está familiarizado co funcionamento do sistema educativo galego. Cando enucia dúas frases seguidas xa nos damos conta. Non estaría de máis que recibise un cursiño urxente deses de 30 horas.