A opinión pública e o voto

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

5 ResponsesA opinión pública e o voto to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    E que me di, amigo Lándoas, do recordatorio de hoxe do ben que viven en Mira coa nova fábrica de Pescanova negada polo bipartito?
    E que me di do silencio sobre o porto exterior? E sobre a bondade das loitas do leite e a perversidade dos do metal que Lois Blanco (con esa prepotencia maniquea) nos obsequia desde o pseudoeditorial dos domingos, esa prédica “alopedrojota” dos luises que substitúe esa ausencia de editoriais da que sempre presumiu La Voz?
    Menos mal que aínda nos queda a columna do culturas do sábado pasado coa que entreterse.

  2. peixe voador Says:

    E que podemos facer para diminuír o poder e o peso social da Voz, para alén de non mercar ese xornal nin visitar a súa web?

  3. lándoas Says:

    Paréceme importante o estudo, a investigación, a análise. E logo a divulgación dos resultados asociados. Que se saiba o que hai que saber. Contribuír a iso tamén. E francamente, considero que sabemos pouco. Mesmo que non se quere saber moito máis sobre os intereses e os métodos de LVG.

    Logo cada un verá cales son os flancos nos que aplica o seu discurso político e as súas capacidades de intervención para debilitar a poderosa maquinaria que hai detrás de LVG. O máis relevante agora mesmo é desde o meu punto de vista contribuírmos a mudar o modelo de relación entre poderes públicos e medios. Isto é moi urxente.

    A tarefa consiste en promover en termos sociais (mesmo culturais) a concienciación nese plano: que a xente reflexione, que vexa a verdade dos feitos e contemple as prácticas. Que a xente aprenda a ler aos analistas políticos de LVG como o que son. É preciso o debate. E nese sentido a min non me convence a posición que vostede, amigo Peixe Voador, sustenta na súa amábel pregunta. Debemos intentar seguir o discurso dos creadores de opinión pública para coñecelos mellor, para contestar con maior eficacia o seu discurso.

    E unha vez que se alcance capacidade decisoria, cando toque, dentro de catro anos por exemplo, aplicar a política que corresponde e manter con firmeza a decisión de non hipotecarse cos medios a cambio dun trato máis ou menos favorábel nos prazos curtos.

    Iso e contribuír ademais a que o campo se amplíe. Algo bo que debe valorarse é a existencia de cabeceiras que resisten, en determinados marcos locais, diante desa supremacía de LVG. Isto é relevante. Por moito que as alternativas “locais” poidan representar posicións aínda máis reaccionarias e contrarias aos intereses/programas postulados por todo o arco político que haxa despois do límite dunha socialdemocracia galeguista, iso é relevante. Non o hai que desprezar. De fetio, a pluralidade molesta moito en LVG. Cada vez que algo se move no mundo mediático galego LVG entra en expectación e engraxa os mecanismos para afogar a iniciativa. En termos sociolóxicos e mesmo económicos iso é o habitual en calquera lugar do mundo, por suposto. Non hai orixinalidade tampouco nesa esfera.

  4. Gemina Says:

    Eu concordo en todo con vostede….estas eleccións para min gañounas La voz de Galicia…E agora teño medo con todo o que está a pasar..¿que pasará ca miña língua…?….son ruralita e cando me desprazo a cidade…non oio ningunha verba en galego….

  5. Deschant Says:

    Quedo con este fragmento:
    “A tarefa consiste en promover en termos sociais (mesmo culturais) a concienciación nese plano: que a xente reflexione, que vexa a verdade dos feitos e contemple as prácticas. Que a xente aprenda a ler aos analistas políticos de LVG como o que son. É preciso o debate.”
    Cando El Mundo e outros medios se dedicaban a aboar as teorías conspiracionistas sobre o 11-M, apareceron varios foros e webs (Desiertos Lejanos, 11 días de marzo, etc.) dedicados a rebater polo miudo cada unha das falacias e falsidades utilizadas de tales argumentacions. E haberia que facer algo asi con LVG? Claro que no caso do conspiracionismo tratabase de rebater feitos obxectivos, e aqui estamos falando mais ben de discurso…