A batalla da linguaxe

 

Algo que preocupa de verdade en relación coa nova situación política propiciada polo trunfo electoral do PP nas eleccións do 1 de marzo é o cambio cultural que nalgún modo vai tomando forma no país. “Cambio cultural” non no sentido anecdótico que se poida localizar en determinados momentos ou decisións, algunhas tan marcadas como as que tivemos ocasión de constatar no organigrama da CRTVG e na eliminación de programas como Aberto por reformas ou Libro aberto. Nótese, con todo, esa vocación por pechar o que estaba ou era aberto, por clausurar espazos, por reducir e delimitar ágoras, por cancelar programas, proxectos. Até agora é ao que se dedicaron desde a nova administración, parece claro. Pero ao falar de “cambio cultural” querería transcender ese ámbito de decisións reflectidas no DOG e ir ao non escrito, ao non documentado. A todo aquilo, a todo isto, que temos xa diante de nós en forma de novas prácticas e de novo metadiscurso. Esta aposta firme por modificar algo que máis ou menos estaba pactado en termos institucionais e que agora creba.

Hai un estado maior detrás do activismo de Galicia Bilingüe? Alén das antipatías que provoque a súa emerxencia como interlocutora social, o certo é que conseguiu algo non doado: entrar nas coordenadas de diario, estar dentro, formar parte da paisaxe. Están aí e teñen o apoio dos medios para seguir estando. Ademais, parecen dispoñer dunha saneada situación orzamentaria, un motivo máis para sospeitar que ese estado maior non visibilizado pero si percibido con claridade por todos aposta a fondo pola plataforma e está implicado na planificación e na táctica. Creo que tamén como práctica de laboratorio. Se funcionase ben aquí, por que non noutros lugares unha vez realizados os axustes que conveñan a cada caso?

Dito isto engado algo simple: creo que non somos conscientes a día de hoxe de que o que se presenta como batalla da lingua é antes unha batalla, ou unha guerra, pola linguaxe. E isto implica dúas vertentes: a dos conceptos e a dos relatos. Eles comezaron polos relatos: comparecencias nos medios, en particular madrileños, para contar historias familiares que rompen o corazón. O cerne sentimental cífrase en frase como esta: “llaman conxunto baleiro al conjunto vacío“. Por inverosímil que pareza, ese relato é efectivo. Os rapaces fican desorientados, as familias rotas. Así non hai quen estude álxebra. Así, a Física ou a Filosofía son inalcanzábeis, para o alumnado, para as nais e pais, para as academias que ofrecen clases particulares… Conmovedor. Tanto como o vídeo brutal que agora lanzan e que me chega a través de Brétemas (por certo, en relación con algúns comentarios: eu si penso que hai que coñecer e analizar o armamento inimigo, sobre todo cando está destinado a eliminarnos; a estratexia de non darlles cancha valía antes, cando aínda non tiñan forza, agora non é iso o que hai que facer, agora hai que estudar a situación e intervir nela). De novo, o exercicio da apropiación de relatos alleos (Chicken Run). Aquí burdo e, dígoo con franqueza, probabelmente fallido en termos de empatía diexética e icónica, aínda pensando en mentalidades e sensibilidades á dereita do conselleiro Vázquez. 

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ovpSTcNg7nk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A batalla da linguaxe abandeirouse igualmente en conceptos. E aquí temos unha responsabilidade enorme todos. Por permitilo. A palabra-concepto que funciona como eixe é sen dúbida imposición. Seguida de preto por liberdade. Pero comeza antes. Comeza polo nome. Galicia Bilingüe é un nome que non se corresponde en absoluto co programa. É un nome, creo que eles mesmos o concederían despois dun par de vasos compartidos, cínico. Colosalmente cínico. Éo no substantivo e no adxectivo. Éo, multiplicado, como sintagma nominal e como sintagma conceptual, como ideoloxema e como programa de intervención social e política. Pero funcionou! Funcionou até o punto de que partidos como o PPdeG e o PSdeG resituaron o seu discurso en relación con eses conceptos. E iso é moito logro. Así que o concepto-relato da “imposición” está ben entre nós e circula xa polas rúas de cidades e vilas con altofalantes, con fachenda. Mesmo sen ocultar en exceso o glosario de uso vinculado coa intervención. Por exemplo: “bilingüe: dise do que é ou quere ser unilingüe”; “Galicia: NW”; “liberdade: foulard, placebo, chirifú. U.t.c.m.” (onde o m final significa obviamente maquillaxe).

Como reaccionar? Que facer? O primeiro, sen dúbida, é contribuír a que todo o mundo entenda a situación nas súas complexas coordenadas de fondo, que non son só políticas senón tamén culturais. A mensaxe ten que chegar a todos, non só ao mundo académico e da educación. O expolio pretende ser moito máis que de “conxuntos baleiros”. Éo de relatos e de conceptos. O roubo é de linguaxe e de linguaxe-cultura  antes que de lingua. É preciso entendelo e é preciso espallalo, inicialmente como barreira de protección. Logo xa se verá. Convén tamén estar moi pendentes á reacción que sen dúbida se producirá con incidencia cada vez máis perceptíbel nalgúns sectores da dereita, por oportunismo ou por convicción. Máis dunha vez a solución (o parche) neste país noso veu de aí.

E, en fin, en fin polo de agora, reitero algo no que neste blog se vén insistindo moito. O papel das institucións é capital. Comprazan ou non os nosos criterios, porque esta é unha cuestión secundaria. Cando Barreiro dixo en Láncara o que dixo, e ademais coa actio oratoria que aplicou ao caso, talvez tras escoitar a verbalización informal dalgunha clase de compromiso coa institución que preside, non foi seguramente consciente do seu colaboracionismo. Feijóo ten máis dominio escénico do que semellaba. Levou a Láncara ao goberno todo e logo saca peito con iso. A primeira vez na hisstoria que tal cousa ocorría! Só por ser Piñeiro o personaxe? Non. Tamén por iso, pero non só por iso. Ollo: a escenografía de salón foi sempre unha arte ben cultivada pola dereita. Pero a batalla non está aí. Está fóra.

 

ps. Posíbeis problemas para GB polo uso indebido das imaxes de Chicken Run (2000), a película de Nick Park e Peter Lord (27 06 2009).

10 ResponsesA batalla da linguaxe to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    Na miña universidade hai varias persoas manifestamente próximas a ese conxunto conformado pola dereita sen complexos e belixerante con todos os elementos da transición democrática en torno á cope, el mundo, os satélites de intereconomía e tutti quanti. Cando saiu Galicia bilingüe, esas mesmas persoas actuaron de catalizadores, aínda que consideraban a cousa algo morna de máis. Levo lendo as súas peroratas e os seus debates enconadísimos con outros membros da comunidade universitaria ao respecto do galego. Coñezo á perfección os seus argumentos, reducidos, á fin, a unha soa pregunta que en ton de mantra repiten sempre: non podo elixir eu a lingua na que queren que se eduquen os meus fillos? A palabra clave pode ser “imposición”, ou “liberdade”, pero eu creo que é “fillos” (na súa linguaxe non hai espazo para a barra). A palabra clave ten que ver coa familia. Falar galego, dirixirse en galego, empregalo polas rúas, telo como lingua de comunicación pode ser tamén obxecto de debate, pero o importante, o único importante nesta vida son os “fillos”, a familia. Aquí está o cerne do asunto: o patetismo do interior das familias, atacadas por ese movemento abstracto (que chegado o caso aparece representado por un inferno de nacionalistas e socialistas, estos menos, claro está) que chamamos estado ou administración. Ese é o imaxinario neocon: esa illa do individuo (ou da familia aínda mellor), con rostro (de aí eses relatos con caretos de xente que ven vulnerados os seus dereitos en institutos onde ningún rapaz fala galego) fronte ao magma totalitario das leis proclamadas por organismos ou burocracias insensibles e infames.
    A palabra clave é Indisputably brutman.

  2. lándoas Says:

    Ten moita razón, Arume. Asumo e incorporo esa parte do argumentario, ausente no apuntamento que formulei.
    Habería que facer un glosario amplo, un dicionario de uso entre todos nós. Como favor para eles e sobre todo como ferramenta de traballo para nós.
    Vostede define moi ben o significado da voz “fillo”. Moi ben, moi ben.

  3. bouzafria Says:

    Non me decatara no precisado por Arume pero é certo. O galego como ataque á familia, as institucións forzando – impoñendo – ás familias ( aos fillos, o máis querido). Toda a oposición nos anos anteriores non se fixo polo seu partido senón polos satélites: conferencia episcopal ( a lei de matrimonios homosexual como ataque á familia, unha nova redacción da lei de despenalización do aborto como ataque á familia ) e tamén GB ( atacan aos nosos fillos por imporlles o galego, atácannos a nos porque o Estado (A Xunta) estase a inmiscuir na esfera máis íntima: a familia ( todo moi neocon).
    A suma do expresado por Lándoas e máis Arume ofrece unha visión moi clara da diagnose e o seu tratamento.

  4. X.L. Says:

    En relación co que apuntaba Arume, coido que non se lle está dando a importancia debida a un feito: é posible que a participación na enquisa dos pais sexa un fracaso. No instituto dos meus fillos, a participación foi de pouco máis do 10%. Noutros dous casos que coñezo, non pasa do 20%.
    Se isto se repite en todo o país (habería que ter eses datos), representará un inmenso fracaso que alguén debería explicar.
    Antes de que se poña en marcha a desinformación do poder e as forzas mediáticas que o apoian, deberíase facer circular, por todos os medios posibles, unha análise dos feitos que é obxectiva: Os pais (as familias) non participan porque consideran que se lles esta preguntando sobre un tema que non pode ser, en absoluto, da súa competencia. Son as súas representacións políticas no parlamento as que deben planificar o ensino na súa totalidade e as materias que se deben cursar e en que condicións. Os pais teñen outras funcións, como é educar , poñer medios e axudar, pero nunca suplir as autoridades académicas nas súas funcións.
    É posible que alguén poida empregar o argumento demagóxico de que os pais se desentenden da educación dos seus fillos, cando a realidade é que eles confian no sistema e non teñen interés en interferir nel (ou poñerse por riba del). Calquer pai, minimamente informado dase conta que a planificación educativa é unha cuestión técnica o suficientemente complexa para que non se poida despachar á carta, prescindindo dos especialistas.
    Este argumento, ben explicado, limita a potencia do concepto \fillo\, do que fala Arume e reforza o concepto \alumno\, que debería ser o que interesa no contexto dos centros de ensino.
    Non podemos perder a batalla das ideas nin a batalla da difusión desas ideas.

  5. Alfredo Ferreiro Says:

    É moi lúcido o debullado que veñen de facer, compañeiros.

  6. Gemina Says:

    E moi importante a batalla das ideas…..pero a realidade….haina que ver na rua, nos medios de comunicación,nos xulgados…..levo moito tempo ollando a realidade….e sinto ser pesimista …penso que para o galego so hai un pequeno reducto no ensino e tamen claro está…neses analfabetos que di as FAES que mantiveron a lingua polo illamento……. pero nas nosas aldeas quedan xa poucos gardiáns…E..Se desaparece do ensino a nosa língua morrerá

  7. loyalto Says:

    De fondo, o que hai é un conflicto político: se temos ou non temos capacidade para sermos Nós, para sermos Galicia, para sermos galegos, ou, pola contra, imos camiño de ser Castela e León ou, simplemente, a rexión noroccidental. Ese é o auténtico debate. A lingua estaba xa morta con Fraga Iribarne e a súa estratexia de “morte doce” que nos tivo a todos moi tranquilos durante dezaseis anos, sen que ninguén abrise paso ao debate de fondo. Oíndo falar os políticos, creo que Feijóo, manda carallo, fala galego mellor que Quintana e infinitamente mellor que Touriño. E isto é como esas teorías que afirman que Hitler era xudeu, cousa que os xudeus sempre negan. Mais hai que admitilo. O xenocida cultural deste país vai ser un dos nosos, un tipo de vila rural, que votou a Felipe González no 82 e que se fixo coñecer por Fraga cando foi presentarlle unha reivindicación en nome dos funcionarios da Xunta.
    Hai outro elemento a termos en conta, o debate sobre a lingua colleu a certo sector do nacionalismo a contrapaso, porque eles non fixeron nada pola lingua nos catro anos de bipartito, e quen diga o contrario mente. De maneira que o que máis lles doe é que, no fondo, o seu xeito de actuar foi moito máis acorde co do actual goberno do que moitos sospeitan. E do mesmo xeito que o galego foi empregado polo PP para culminar a súa estratexia de asedio ao bipartito, agora son o propio PSdG e o Bloque os que botan man da lingua para acender o lume. Onde estaban as voces do PSdG contra Paco Vázquez, onde as voces do BNG cando deixaron a lingua sen consideración de estratéxica e preferiron optar por outras negociacións con máis look e máis modernidade. É certo que temos que abrir camiño, mais recoñecendo os erros e, tamén, pedindo cabezas.
    A batalla non está nin moito menos perdida, malia o pesimismo de algúns. Aínda que si é evidente que hai estratexias que fracasaron. A primeira a da seducción. Lembro nos primeiros tempos de Beiras escoitar o seguinte enunciado: temos que seducir a Galicia porque somos os máis preparados. Algúns mesmo chegaron a crelo. E hai que ver a cara de parvos que se lles puxo agora.
    A segunda, abandonar a rúa. O nacionalismo naceu na rúa e medrou nas manifestacións, onde xerou a súa propia linguaxe. Ese é o lugar ao que temos que volver.
    A terceira: o espectáculo das aulas non é nada comparado co da televisión que se acende en todas as casas de Galicia pola noite. Restrinxir a pervivencia da lingua ao ámbito do ensino foi outro dos nosos erros. Por que ninguén protestou cando se concederon as licencias para as emisoras de radio? Por que ninguén dixo nada cando se aumentaron os canais de televisión en español? Onde estaban os novos valerosos defensores do idioma? Que pasaba cando se emitían os programas culturais da TVG, polos que agora choramos, a altas horas da madrugada para que ninguén os vise?
    Velaí pois un programa de acción:
    1. Acabouse a seducción. Isto é política.
    2. Volvamos á rúa, que é de onde vimos.
    3. A lingua non só está nos centros de ensino. A lingua está na vida. Velaí o lugar da batalla.

  8. pisandoovos Says:

    Non concordo coa súa análise, LOYALTO. Xustamente a política son ideas, valores e capacidade de empatía e seducción para facelas maioritarias socialmente. O contrario vemos onde nos leva. Se por algo me pareceu sempre especialmente interesante o blog de Lándoas é pola súa feliz obsesión -para nós, os seus leitores- en ir máis alá nas súas análises da mera coxuntura eleitoral ou dos confrontos políticos do día a día. É importante, penso que o máis importante que temos que facer nesta altura, analizar primeiro de forma rigorosa e actuar despois de forma planficada e estratéxica no campo dos discursos sociais, no campo dos cambios culturais -no sentido no que se refire a eles neste post o seu autor- e no campo da batalla da linguaxe, os tres absolutamente entrelazados. Neste sentido, hai espazos de análise e opinión que están sendo de moito interese e que están contribuíndo a ampliar os intereses e a ollada de moitos de nós sobre o tema. Penso que desde Lándoas, El voto con botas, o Facebook de Luís Bará, Im-Pulso e outras “atalaias” se está a insistir acertadamente nesta cuestión. Na liña do que hoxe explica magnificamente Lándoas lin tamén esta outra entrada de interese (http://cavanarda.blogspot.com/2009/06/non-penses-nunha-gaivota.html#comments). En fin, só agardo que as interesantísimas análises que van xurdindo e o interese xerado arredor dos discursos sociais -especialmente por mor da campaña contra a lingua galega- conten despois con “estados maiores” institucionais, cívicos e políticos que sexan quen empregalos e de levalos con eficacia ao conxunto da sociedade.

  9. andres Says:

    O estado Maior, son El Mundo, Libertad Digital e o PP + UPyD, que non apoian as linguas que non sexan o castelán.

  10. loyalto Says:

    Cando falo de seducción falo da seducción turrieburnista, dos que pensan que polo simple feito de ser van contribuír a que a revolución se faga. Por suposto que hai que seducir, mais non desde a pasividade, non pisando ovos, senón desde a acción, escachándoos a gusto. A iso é ao que me refiro.