Quaggas

 

 quagga-south-africa

 

O derradeiro quagga que habitou no planeta morreu no zoo de Ámsterdam o 12 de agosto de 1883. Estas cebras da foto superior non son propiamente quaggas, voz esta de natureza onomatopeica que imitaría na lingua dos khoikhoi ou hotentotes o rincho do animal, senón que forman parte dun elo máis no longo proceso iniciado hai vinte anos para intentar recuperar, sen recorrer á clonación, unha subespecie de cebra que se extinguiu nas planicies sudafricanas a finais do século XIX pola intervención directa do home.

Haberá quen o saiba, eu non o sabía: existe un Proxecto Quagga que tratará de facer ese camiño tan estraño de chegar a borrar por selección xenética as raias dos cuartos traseiros das cebras para que dentro de varias xeracións haxa animais parecidos aos que enchían as chairas do sur de África hai cento cincuenta anos: cebras que só tiñan raias na parte dianteira do corpo, basicamente na cabeza e no pescozo, segundo pode verse na que ao parecer é única foto existente dun quagga real, tomada nun zoo londinense no ano 1870.

Chegados a este punto é probábel que alguna lectora se pregunte polos motivos de eu contar todo isto no blog. Haberá malintencionados que sospeiten que acabarei falando, por vía alegórica, de algo con pendor nacional. Algún conselleiro, que sei eu… Pero non, o único motivo para falar aquí dos quaggas é filolóxico. Pregúntome, desde a inocencia, se a razón de ser dos quaggas, a súa identidade como subespecie, non radicaría antes que na ausencia de raias no lombo e nos cuartos traseiros na súa especialísima forma de rinchar. A cuestión é esta para min: logrará o Proxecto Quagga que as cebras metamorfoseadas tras vinte ou vintecinco xeracións de remexerlles no ADN cheguen a emitir un son tan peculiar como aquel “quaaaaagggaaa!” orixinal. Eu, modestamente e con todo respecto pola ciencia (co respecto que a bioloxía e a xenética non teñen pola lingüística diacrónica), limítome hoxe a deixar constancia das miñas reservas. Digo máis, xa posto: se os quaggas se chamaron así por dicir “quaaaaagggaaa!”, non sería máis lóxico que o proxecto, tal como vai, se chamase, poño por caso, Proxecto Cebras-Sen-Raias-no-Cu? E por se algún repugnante vir co ruxerruxe de que todas as cebras din como mínimo “quaaggaa!” e que os hotentotes tampouco diferenciaban nomes de subespecies de cebras pola diferenza de rinchos porque no fondo todos os rinchos de cebra son iguais, engado: iso vosté non mo di a min na rúa!

2 ResponsesQuaggas to “”

  1. Yenny Says:

    que difícil imitar o rincho, pronuncio a palabra do rincho, doulle diversos tons, pero realmente como é o ton?

  2. Fundación Unha Raia Menos: Un Paso Adiante na Rehab-Quagga Says:

    Hai que erguer algo o queixo e retraer o beizo superior. Logo todo é cuestión de pulmón e glote. Existe unha variante dialectal, con nasalidade, pola parte namibia.