Golpe a golpe

 

feijoo

A estratexia está definida e está servida para que a entenda todo o mundo. Procura enunciar os criterios programáticos de intervención no plano cultural e lingüístico alí onde existe un valor simbólico engadido, alí onde presupón que se concentra a sociedade civil e onde se incorporan os que representan, tamén simbolicamente, unha vontade nacional de persistencia e de pacto. Amparado neses lugares por unha posición institucional que non resulta doado contestar ou afear desde o auditorio, fai ditado da súa análise cultural e de paso insulta. Non sempre querendo —ás veces si—, insulta. En ocasións, un pode pensar que busque unha reacción, un xesto de resposta desde o público parangonábel ás célebres garrafas do día da manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela. Será iso? Será a impagábel fotoxenia dos cristais rotos? A ira en primeira páxina dos que non aturaron a provocación? Procura iso o Presidente?

Non estou convencido do que algúns analistas promoven desde diversos espazos de opinión: a idea de que Feijóo estea a utilizar esta fase do seu goberno (a fase inicial é sempre a dos grandes xestos e a das grandes rectificacións da situación herdada) para promocionarse como alternativa pensando nun novo fracaso de Rajoy nas eleccións xerais de 2012 ou de cando sexa. Non. Alguén que accede ao poder de forma tan inopinada como correspondeu a este home non chega a proxectar esa clase de previsión tan axiña. El está aterrando. Está facendo probas. Pero na escala do país. Polo de agora abóndalle, créase. Está testando con eses discursos que non sabemos quen documenta e redacta, pero que mostran impericia, descoñecemento e soberbia moral a partes iguais, até onde aguantará a xente, até onde se soporta no país o insulto, até onde pode desarmar nesa progresiva trivialización de conceptos como liberdade, igualdade, cosmopolitismo e resistencia, nese abandeirarse na falsificación do real (imposición, inmersión, provincianismo…). Vai aos lugares simbólicos, rebaixa aos representantes das institucións culturais, mófase deles ofrecendo orzamento e deixándoos en evidencia con declaracións e fotos risíbeis destinadas a desarmar compromisos, permítese boutades coa historia dos antepasados que ningún gobernante de ningún país administraría dese xeito (proben a mudar Medulio por Numancia, sen ir máis lonxe), ergue unha delirante e ofensiva polaridade entre provincianismo e cosmopolitismo que na súa estrutura profunda significa “cultura desde a identidade e a lingua propia” vs. “cultura desde unha lingua diferente da propia”, lexisla á contra e toma con desleixo algunhas das funcións que lle corresponden como autoridade máxima do país. Para que? Resulta evidente: o programa cultural e político de Feijóo e o dos seus valedores económicos, sociais, ideolóxicos, relixiosos e mediáticos consiste, no plano que aquí estou tratando, en algo que se formula con moi poucas palabras: promover de vez a rexionalización da nación.

Por iso comezaron por onde se comezan sempre estas cousas (tanto nos movementos construtivos coma nos deconstrutivos): polo ensino. E no escenario comparece un aspecto máis, en parte novedoso. Feijóo séntese tan seguro, tras estes meses, que mesmo se comeza a permitir o luxo de prescindir dunha das armas que mellores resultados estaba a dar ás posicións aleccionadas polo Opus Dei, FAES, a catacumba neofranquista e os poderes financeiro-mediáticos locais. Falo evidentemente do cinismo. Que Feijóo necesite cada día menos dese recurso indica moito sobre a recomposición do mapa en tres meses de recuperación do poder.

Algo hai que esperar da nosa dignidade como pobo. Algo que non creo que deba vir atravesado por nada máis que a esixencia de respecto á historia e á nación, alén de á verdade dos feitos. Nada histriónico, por tanto. Nada xestual, bufo ou circense. Hai que esperar, mesmo desde a dereita que con el goberna, un exercicio discreto pero firme e permanente de dignidade. E iso debe comezar, ineludibelmente, desde arriba, desde quen ocupa postos de responsabilidade real ou simbólica. Debe comezar por non rir as grazas de quen se comporta como tirano, debe pasar por non condecoralo, por non acompañalo nin convocalo, debe seguir por non ser séquito nin claque de quen vén decidido contra nós e contra os nosos intereses. O único que limita á cultura galega é a obscena incapacidade e falta de interese dos gobernantes do país para poñerse ao seu servizo.

 

ps. Vídeo do acto de clausura dos actos conmemorativos do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, coa intervención do Presidente Núñez Feijóo á que se fai referencia no post e tamén a de Ramón Villares e outras autoridades e persoas vinculadas coa historia do CCG. A partir dese vídeo, Galicia Hoxe recupera na edición do día de hoxe o texto lido por Feijóo (18 07 2009).

4 ResponsesGolpe a golpe to “”

  1. suroeste Says:

    Tiven moitos problemas para entrar nesta páxina esta temporada. Tamén, cando o conseguía, para poñer comentarios. Hoxe por fin conseguino e vexo que teño moitos e suculentos post por ler. Vexamos agora se logro poñer comentarios.

  2. David Paz Nóvoa Says:

    Unha análise da estratexia Feijoo moi interesante e moi ben exposta. Eu, a pesares dos feitos recentes, aínda gardo a esperanza de que a sociedade deste país resista o ataque con mesura pero con forza e dignidade. Somos máis e teñen que sabelo.

  3. filipediez Says:

    Como sempre, un brillante artigo e unha análise instigante (o lugar dos adxectivos é intercambiable). Afortunadamente, somos moitos os que nos identificamos co que expós no artigo, e as cousas xa están comezando a moverse na sociedade.

    Porén, non confío especialmente en que determinadas institucións (os casos da RAG e do CCG son evidentes) encabecen a loita contra o exterminio que Feijoo pretende practicar. En calquera caso, posuímos recursos máis que suficientes para dar boa conta da tarefa, e teño certeza de que así o faremos.

    Só unha puntualización: eu son dos que cre que Feijoo está xogando a facer política pensando en Madrid. E cando digo Madrid, non me refiro concretamente ás súas aspiracións monclovitas, senón ao apoio económico e mediático que cultiva na metrópole como garantía de futuro para a súa carreira, proxéctese esta onde queira que sexa.

    Saúdos e parabéns.

    P.S. Para enviar este comentario, o sistema pédeme que escriba dúas palabras. A primeira delas é \lawless\: non pode ser acaso 😉

  4. Desvelando as mentiras de Feijoo » [100 DÍAS] Repaso ás Consellerías: área de educación e cultura Says:

    […] premeditada de desmontaxe sistemática do tecido cultural galego. Neste sentido, vale a pena ler este artigo publicado no blog de Lándoas, onde se analisa coa costumeira clareza e elegancia este asunto, a partir da insultante actitude […]