Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

4 ResponsesFeijóo no CCG, ou eloxio da alienación to “”

  1. suroeste Says:

    Estimado Lándoas

    É verdade que o discurso \cosmopolita\ do conselleiro Varela casa á perfección co espírito do discurso de Feijoo, pero hoxe, mentres folleaba distraída a Voz máis potente do país advertín nas páxinas culturais unha longa entrevista a un escritor galego residente en París (sinto non lembrar o nome, e non por maldade) onde curiosamente aparecían machaconamente idénticos argumentos, apoiados en Joyce, Valle Inclán e outros escritores utilizados como exemplo da grandeza á que se pode aspirar unha vez liberados do \necionalismo\ (sic). Vaia –pensei– parece que atopei que lle fai os discursos a Feijoo…
    É casualidade?

  2. Un lector Says:

    Paréceme magnífica a súa análise. Eu tamén penso que o ocorrido no Consello da Cultura foi moi relevante e debe ser divulgado. Obrigado polo pdf!, a ver se chega a ben xente. E si, producen roibén os 14 segundos de aplausos, cando o conveniente era un silencio que, como se di, seria clamoroso. Agardo con ansia a análise que vostede promete.

  3. lándoas » Arquivo do blogue » cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural) Says:

    […] Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no […]

  4. koroshiya.itchy Says:

    Bom artigo