Materiais para unha clínica da alienación

 

feijoo-con-varela

Avancemos algo na análise de onte. Sempre é importante coñecer que é o que di aquel contra quen queremos intervir dialéctica ou politicamente. E ese traballo ás veces non se fai, por desleixo ou por aborrecemento coas razóns dos demais. Esa é a motivación que, con sentido político, me leva a fornecer algunhas ferramentas retóricas con compromiso didáctico. Fágoo no arquivo que propoño para relermos o discurso do Presidente Núñez Feijóo no Consello da Cultura Galega o pasado 9 de xullo. Quen sabe se tamén para facer prácticas escolares cando chegue o tempo. Porque os cidadáns e cidadás, os maiores e os menores de idade, debemos coñecer cara a onde nos queren levar. É unha obriga civil estarmos ao tanto diso.

E a análise do discurso tamén serve para eses mesteres. Serve, por exemplo, para mostrar que un pretendido discurso sport de defensa do cosmopolitismo e de rectificación das políticas culturais de base identitaria pode ser intelectualmente vacuo e perigoso en termos sociais e políticos alén de innobre e malintencionado na utilización das citas e das fontes ou autoridades que se suxire refrendarían a posición propia, cousa que no discurso Feijóo – Varela non se dá, non se dá case nunca, como eles saben perfectamente. E non só a propósito de Villares. Tampouco existe correspondencia entre o que Milan Kundera di en Le Rideau (2005) e a oposición provincianismo – cosmopolitismo tal como é construída no discurso de Feijóo. E o curioso é que Kundera é xunto con Villares a autoridade que o Presidente habilitou como fundamento basal do discurso sobre o que el entende por cultura e identidade. Pois ben, nin o pensamento de Villares está representado só coas citas que del se toman nin Kundera di o que Feijóo semella adxudicarlle, ese estrafalario argumento segundo o cal o cosmopolitismo radica en instalarse noutra lingua e noutra cultura. Kundera nin di iso no capítulo titulado “O provincianismo dos pequenos” nin tampouco no titulado “O provincianismo dos grandes” (por que Feijóo se referiría no seu argumentario só ao sinalado no primeiro e non ao sinalado no segundo?, por que será?). E algo máis: Kundera despreza a noción e a voz Mitteleuropa, a usada por Risco, segundo pode lerse en varias das súas obras e entrevistas. De modo que esta clínica da alienación ten unha vía en paralelo, que non me parece esaxerado describir como unha clínica da terxiversación. Nada sorprendente, concedo, para quen escoitou falar a Feijóo do parque móbil da Xunta de Galicia ou da imposición lingüística do galego no noso país.

A análise do discurso serve tamén, por exemplo para elaborarmos a cartografía dos valores que o PP e o Goberno actual, e con eles todos os seus valedores financeiro-mediáticos, postulan para nós, cidadáns e contribuíntes galegos. O documento que se pode descargar aquí ten un obxectivo non tan humilde, por tanto: ver como se constrúe o discurso cultural do poder galego, cales son as súas ideas-forza, qué é o que propón. E a partir de aí, o arquivo e as anotacións pretenden levarnos á reflexión sobre os mecanismos acaídos contra esa intervención da dereita nacionalista española na esfera cultural (e insisto en algo básico que outras veces incorporei neste blog: a cultura é máis que a lingua, moito máis que a lingua; a cultura é máis que a literatura, moito máis que a literatura). Unha intervención que no plano epitelial é equivalente, en efecto, a un perezvarelismo con foulard, pero que no fondo aspira a un avance sen volta atrás nun proceso estúpido e irresponsábel de alienación e destrución cultural que nin sequera é compartido pola totalidade dos dirixentes actuais dese partido, nin moito menos polas súas bases e votantes. O seu é un proceso con operativos estratéxicos doutro tempo que xa non se usan en ningún sitio. Porque estes gobernantes, alén de cínicos e insensatos, son bastante iletrados.

Hai que paralos. Imos paralos.

 

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

4 ResponsesMateriais para unha clínica da alienación to “”

  1. esteiro Says:

    Se Feijoo se atrevese a pronunciar algo semellante a este discurso o dezasete de maio no acto da Academia estou seguro que había de haber quen lle tirase un zapato á cabeza: eis a diferenza entre unha xuntanza de homes libres e unha de burócratas.

    Pero supoño que esta visión está pexada por certo partidismo, non?

  2. séchu sende Says:

    Agradecem-se muito, Lándoas, trabalhos como este.

  3. suroeste Says:

    Unha cuestión que non me parece irrelevante: este señor que exerce de conselleiro de cultura foi presentado á sociedade como un diplomático de “altos vuelos” home de cultura, cosmopolita, políglota etc. Onte comentáronme que máis que diplomático é un simple funcionario do ministerio de asuntos exteriores (estaría ben pescudar que cargo en concreto desempeñaba e como debemos calificalo con propiedade) que aceptou o cargo para evitar ter que incorporarse a un destino africano non moi apetecible. Efectivamente estamos vendo que non é un home cunha gran cultura, senón máis ben unha cabeciña chea de prexuízos que con catro citas, como ben di o señor Lándoas descontextualizadas, e unha suposta melomanía pretende dar o pego (sempre a mesma énfase en que escoita Wagner nas entrevistas concedidas, como se fose algo extraordinario, e que leu Cien años de soledad…). E este é o gran home de cultura do goberno… logo como serán os demais?

  4. Culture Workers Says:

    Gracias por lo traballo de análise!! Apórtanos un mapa máis deste estrana, allea e descorporeizada construcción e acultural que está a tentar o novo goberno de Galicia nun inverosimil exercicio de construcción dun discurso que, pola falta de peso e de materialidade así como o seu efectismo vai medrar moi rápido.

    Recuperémo-lo noso desexo discursivo! Están e a utilizar sen sabelo unha das armas máis potentes de de-construcción/construcción cultural: a resignificación; e nós, (tan persoais e pouco posesivos) cultura de base e cidadanía galega, sen sabelo, a lles otorgar poderes para interpretar, bipolarizar e biopolitizar a nosa realidade que deberíamos de estar a axenciar-nós.

    Envárémosche, se o tes a ben, aportacións a túa análise para seguir a desenvolver o discurso do Presidente da Xunta e a súa cartografía.

    Saúde!!